SANIDADE

O Centro de Saúde de O Carballiño promove un programa cardiosaudable

<p></p>
photo_camera O Centro de Saúde de O Carballiño.

máis do 35 por cento dos usuarios padecen hipertensión, o 16 por cento sufren obesidade e o 10 por cento, diabetes

Co obxectivo de reducir as posibilidades de sufrir unha enfermidade cardiovascular, o Centro de Saúde de Carballiño poñerá en marcha esta semana un proxecto de actividade comunitaria. A iniciativa basearase na modificación dos factores de risco máis comúns na vila como son a hipertensión, a obesidade ou a diabete, na liña de acadar uns pacientes cardiosaudables e competentes no coidado da saúde.

O proxecto está promovido por persoal sanitario do centro e parte da necesidade -detectada nas propias consultas- de intervir nos factores de risco, sendo a maioría deles modificables dun xeito sinxelo mediante pequenos cambios nos hábitos de vida, como deixar o tabaco, reducir o consumo de alcohol, adoptar unha vida máis activa e unha alimentación saudable.

Segundo Verónica Civera, enfermeira do centro de Carballiño, trátase de darlle aos pacientes "os coñecementos e ferramentas para ser protagonistas do seu coidado e do mantemento da súa saúde". Por outra banda, a idea que se quere transmitir aos participantes é que falar de dieta "non implica pasar fame ", senon "comer mellor e, ás veces, incluso máis, substituíndo alimentos con alto aporte calórico e graxas, por outros sans e ricos que protexan o seu corazón e sistema vascular", matizou a profesional. Do mesmo xeito, engade que "cando na consulta recomendamos facer exercicio, automáticamente se pensa nun ximnasio, en horarios e gastos, pero non é preciso. Basta con abandonar o sedentarismo, camiñar máis e dun xeito máis constante". O Concello de O Carballiño sumouse a esta iniciativa cedendo o salón de plenos, e agardan que se involucren "non so os pacientes seleccionados, senón tamén toda a poboación".


Factores de risco


Preto do 60 por cento das consultas de enfermería do Centro de Saúde de O Carballiño estaban relacionadas con factores de risco cardiovascular, sendo o 35 por cento de hipertensión e o 16 por cento de obesidade.


O ambulatorio da vila quere asumir un rol destacado 


O de Carballiño non será o primeiro centro de saúde que emprenda un programa de educación neste senso, pois noutros como o de A Cuña desenvólvese unha iniciativa en colaboración coa asociación veciñal de Barrocás. Proxectos similares hai tamén no Barco de Valdeorras e, recentemente, no Servizo de Saúde de Novoa Santos-Couto, que pon en valor os recursos e a experiencia profesional da propia comunidade sanitaria a prol da saúde de todos os seus pacientes. 

Te puede interesar