O certame de imaxes convocado por Galicia Central está dotado con 1.500 euros

O polbo do Carballiño, a escultura urbana de Lalín, o Camiño Xacobeo en Melide e o río en Monforte de Lemos foron os temas escollidos polos representantes do consorcio Galicia Central para ilustrar as imaxes da primeira convocatoria dun concurso de fotografía.
A presentación deste certame desenvolveuse na Casa do Concello de Monforte, coa participación das concelleiras de Cultura deste municipio e de Lalín, Alicia Cadarso e Nuria Rodríguez, respectivamente, e a edil de Medio Rural de Melide, Anabel Ramos. Ó acto non pudo asistir ningún representante do Carballiño ó coincidir cunha sesión plenaria da Corporación municipal. As delegadas presentes destacaron que ‘o certame de fotografía é a primeira actividade conxunta que realizan os integrantes de Galicia Central, unha asociación voluntaria que pretende entre outros obxectivos favorecer a cultura, ademais de traballar pola promocion socioeconómica e turística dos catro concellos’.

Exposicións

O concurso está aberto a fotógrafos profesionais e afecionados, que dispoñen de prazo para presentar individualmente un máximo de oito imaxes -dúas por cada concello e a temática fixadaata o vindeiro 15 de setembro. Un xurado fará unha escolma para elexir a mellor instantánea individual, cun premio de 500 euros, e o mellor lote de oito fotografías, que recibirá 1.000 euros. As fotografías deberán remitirse nun CD ó gabinete da alcaldía do Concello de Melide. Os catro concellos organizarán exposicións con tódolos traballos presentados a esta primeira edición.


Te puede interesar