Os clientes valorarán as tapas do concurso hosteleiro

Manuel Dacal, no centro, rodeado dos concursantes. (Foto: Eva Domínguez)
A segunda edición da ‘Olimpiada da tapa’ ponse hoxe en marcha no Carballiño, coa participación de 13 locales de hostelería. Os propios clientes serán os únicos encargados de seleccionar os tres mellores establecementos, ata o 6 de febreiro.
Un total de 13 mesóns e cafeterías do Carballiño participan na segunda edición da ‘Olimpiada da tapa’, que se desenvolverá dende hoxe tódolos venres e sábados ata o 6 de febreiro coa colaboración da Concellería de Turismo e a adega ‘Pazo Tizón’. O responsable desta área municipal, Manuel Dacal, e os propietarios dos establecementos fixeron onte a presentación desta iniciativa, ‘que ten coma obxec tivo a promoción da hostelería e da economía local ó atraer a moita xente chegada dende diferentes puntos de Galicia’.

Neste sentido, o edil socialista lembrou que ‘na primeira edición, que tivo lugar nesta mesma época o ano pasado, servíronse máis de 15.000 racións gratuitas para acompañar as consumicións dos clientes’. A organización desechou o nomeamento dun xurado de expertos, a fin de evitar as suspicacias que surxiron entre os hosteleiros ó coñecerse os resultados no 2009, e serán os propios clientes os que valoren cunha puntuación do un ó cinco as tapas ofertadas.

Manuel Dacal explicou que ‘colocaranse urnas en tódolos locais para que as persoas que acudan depositen o seu voto nunha papeleta, na que deberá figurar o seu nome e número de teléfono para entrar no sorteo dunha cea valorada en 200 euros’.

Galardóns

A Concellería de Turismo recollerá tódolos datos e seleccionará tres establecementos, que recibirán cadanseu premio, consistente nunha placa conmemorativa, unha medalla e publicidade gratuita nos paneles luminosos municipais, ubicados nas prazas da vila do Arenteiro. A entrega dos galardóns terá como escenario a carpa de acollida da ‘Festa da Cachucha’, que se ubicará na Praza do Emigrante coincidindo co domingo de Entroido, o vindeiro 14 de febreiro.


Te puede interesar