Os cofrades preparan os actos da romaría da Santa Madanela

Medio cento de feligreses da parroquia carballiñesa de Santa Uxía de Lobás integran a 'Cofradía da Santa María Madanela', que están a organizar unha serie de actos vencellados á tradicional romaría, que se celebrará iste vindeiro domingo. Unha das actividades é a preparación das 11 voces da súa coral polifónica, que será a encargada de cantar as misas dos días 22, domingo, e 23, luns, na capela ubicada a 900 metros de altitude, no centro dunha carballeira do chamado Monte da Madalena.
'O domingo haberá misas dende as 8,00 horas, para rematar coa solemne, ás 13.00 horas, á que seguirá a procesión da santa', suliña Xosé Mon, cofrade maior da agrupación. Pero os devotos da Madanela xa terán un anticipo do seu principal festexo coa 'Procesión das antorchas', iste mesmo sábado. 'Sairemos ás nove e media da noite dende a igrexa parroquial, sita na localidade de Costoia, para subir ata a ermida, onde o párroco, Emilio Viéitez, oficiará unha misa', indica o presidente da cofradía, que dispón duns hábitos de cor granate.

Outra das actividades previstas polo colectivo de cofrades é a promoción dun concurso de fotografía aberto a calquera tipo de persoas, xa sexan profesionais coma afecionados, para conmemorar os 500 anos de construcción da ermida da Madanela e o inicio do culto á santa.


SARDIÑADA

Xosé Mon explica que os participantes non precisan dunha inscripción previa, 'xa que tan só haberá un prazo ata o 16 de setembro para que obteñen as imaxes, que logo deberán entregar nun sobre pechado na tenda Yerit Modas do Carballiño'. Un xurado de expertos será o encargado de facer unha selección das mellores fotos e decidir os tres gañadores, que se levarán un trofeo e dúas medallas. Na parte pagana, a comisión de festas organiza unha sardiñada o día 21 no campo de Costoia, a partir das 23,00 horas, coa actuación dunha orquestra. No mesmo lugar, haberá verbenas o domingo 22 e o luns 23, amenizadas por catro conxuntos musicais.

Te puede interesar