O Concello de Beariz acometerá en próximos días as obras de ensanche e pavimentación de camiños nas localidades de Doade e Magros, obra incluída nos Planes provinciais cun orzamento de 30.000 euros.
No núcleo de Doade actuarase no camiño denominado "Da Manuela". Este acceso circunvala polo centro do pobo e utilízase como vía de desvío de tráfico os días de feira. O pavimento desta rúa, nos seus diversos tramos, está executado con materiais diferentes e o seu estado de conservación non é uniforme. Así, dispón dun tramo con pavimento de formigón e, no resto, está recuberto con rego asfáltico.
Ademais, todo o camiño está flanqueado por peches de fincas, sendo o seu estado de conservación en xeral deficiente. Así mesmo, a anchura do vial é variable polo que se tende a conseguir unha uniforme mínima de catro metros.
Por outra banda, na localidade de Magros vaise actuar nun camiño que serve de acceso tamén para a Casa de Turismo Rural e que se atopa bastante deteriorado. Levarase a cabo a demolición e levantado do pavimento de formigón nunha superficie de 200 metros cadrados para posteriormente proceder á súa pavimentación.
Con estas dúas intervencións, o Concello de Beariz pretende mellorar as infraestruturas de comunicación de ambas localidades e tamén a estética destas contornas, uniformizando as intervencións nestes deteriorados camiños.