O Concello carballiñés deberá seleccionar antes de fin de ano as 15 prazas eventuais

A Concellería de Persoal do Carballiño convocará antes de finais deste ano o proceso para seleccionar as 15 prazas eventuais que foron creadas hai xa catro anos por un decreto da alcaldía. O responsable desta área municipal sinala que ‘as bases para esta convocatoria están expostas no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, e son as que regularán tódolos procedementos de selección do persoal laboral temporal durante o ano 2009’.
Istes postos corresponden dende titulados universitarios, como avogado e psicólogo para o Centro de Información ás Mulleres (CIM) e director do camping municipal, ata conserxes, traballadores sociais e oficiais de albanelería, ‘que agora están ocupados cun ano de contrato que remata o 31 de decembro’. Por outra banda, a Concellería de Persoal ten na actualidade, según José Antonio Barge, os procesos para seleccionar un auxiliar de axuda a domicilio, un director para a emisora de radio municipal e un educador familiar.

Subasta

O grupo ‘popular’ na Corporación criticou o sistema da convocatoria para a praza de responsable para a emisora Arenteiro Dixital, ‘que apareceu nun xornal de tirada provincial e con tan só tres días para a presentación de solicitudes’. O voceiro do PP, Argimiro Marnotes, lembrou que ‘nós presentamos unha moción solicitando o peche da radio municipal e a subasta do seu dial (107.4 da FM) a fin de evitar os 60.000 euros de gasto que xenera para as arcas municipais’. O concelleiro considera que ‘é mellor ingresar cartos por unha concesión que gastalos’.


Te puede interesar