Trátase dunha creación de Acisclo Novo que representa un palillo cunha 'tallada' de cefalópodo

O Concello pide apoiar á Festa do Pulpo mercando esculturas

Argimiro Marnotes e Acisclo Novo, coa escultura do pulpo no centro. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O equipo municipal de goberno do Carballiño presentou onte unha novedosa iniciativa para a promoción da Festa do Pulpo, que o vindeiro 12 de agosto cumprirá unha andaina de 50 anos, ó traverso da oferta dunha escultura que representa unha tallada de pulpo pinchada cun palillo. Así xurde a campaña 'Apadriña unha tallada', que consiste en que 'cada empresario, comerciante, veciño ou emigrante pode facerse cunha réplica do mesmo tamañao deste deseño polo prezo de 412 euros (máis IVE), co obxectivo de publicitar a nosa celebración máis senlleira', indicou o alcalde, Argimiro Marnotes.
O autor da obra orixinal, Acisclo Novo, natural de Viduedo (Cea), apuntou que 'este traballo ten para min un significado especial, xa que a Festa do Pulpo atópase no ADN da vila do Arenteiro'.

A estructura, de 1,80 metros de altura, está elaborada cunha base de poliéster (a tallada), mentres o palillo é de madeira de freixo, según explicou o propio autor da escultura.


SIMBOLOXÍA

O rexedor carballiñés manifestou que a intención desta idea do Concello 'é que o festexo teña a súa presenza diaria e poida ser lembrado durante todo o ano en establecementos comerciais, industriais e hosteleiros, que incluso poden gravar o seu nome nela'. Neste sentido, Acisclo Novo comentou que 'a escultura simboliza a solidariedade da mesma festa, xa que o xeito de xantar o pulpo cun palillo é o mesmo tratándose dun labrego, un obreiro, un empresario ou un político, é un evento sigularmente democrático'.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu, ó mediodía, o acto de presentación da iniciativa, ó que asistiron, ademais de concelleiros da Corporación, representantes da Asociación de Pulpeiros de Arcos, das empresas de almacenaxe e distribución do cefalópodo e da Asociación de Comerciantes do Carballiño, que tamén están a promover durante iste mes e ata o 10 de agosto, unha campaña de promoción de compra baixo o lema 'Tíralle do rabo'.

Así, os propietarios das 90 tendas integradas no Centro Comercial Aberto distribúen entre os seus clientes uns boletos que dan dereito a participar, tódolos venres, no sorteo de 30 tarxetas para o xantar oficial da Festa do Pulpo, no recinto do Parque Municipal. Ademais, tamén se concederán vales de desconto de 30 euros para mercar nos citados establecementos e ceas para dúas persoas nos restaurantes 'A Fuchela', 'Abadía dos Sentidos' e 'Don Paco', ata totalizar 3.000 euros en premios.

A próxima cita vencellada co festexo desenvolverase o luns 16 de xullo, no mesmo salón de plenos, xa que dende as 18.00 horas efectuarase o sorteo dos postos de bares e pulpeiros no Parque, onde istes disporán dunhas novas plataformas con auga e saneamento.

Te puede interesar