O Concello de Piñor ofrece o servizo Concilia de forma gratuíta

Piñor (Foto: Xesús Fariñas).
photo_camera Piñor (Foto: Xesús Fariñas).

O Concello de Piñor abre o prazo de inscrición para o Programa Piñor Concilia “Familias Tardías”, para o curso escolar 2023-2024, que será gratuíto para tódalas familias. Trátase dun servizo de conciliación da vida familiar e laboral, financiado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade.

Atenderá ós cativos dende a saída do colexio ata as 20,30 horas os luns e martes, e ata as 19,30 horas os mércores, xoves e venres, no Centro Social (Albarona). Para elo, os participantes poderán cambiar a parada escolar para Albarona, onde o monitor os esperará para acompañalos ó Centro Social. Finalmente, deberán ser recollidos á hora de remate polas familias no propio centro. 

Como outros anos, ofrecerase apoio escolar diariamente ós cativos que cursen Primaria ou ESO, e o programa desenvolverase dende o 2 de outubro de 2023 ó 21 de xuño de 2024.

Seguirase o calendario escolar do colexio de referencia (CPI Virxe da Saleta), de maneira que os días non lectivos, con carácter esporádico, Familias Tardías pasará a ofrecerse en horario de mañá, de 10,00 a 14,00 horas.

Por outra banda, nos períodos vacacionais (Nadal, Semana Santa e Entroido), o Concello ofrecerá outras actividades de conciliación de carácter máis lúdico. O prazo de inscrición será ata o 25 de setembro.

Te puede interesar