As asociacións piden a ampliación do Auditorio par manter as actividades

O Concello prescinde dunha nave alugada e deixa sen locais ós colectivos culturais

O peche dos locais que tiña alugados o Concello do Carballiño para as actividades dos colectivos culturais leva á federación que os agrupa a solicitar unha ampliación do Auditorio para dis poñer dunha sede estable. As obras incluiríanse no plan estatal de investimentos, e consistirían no engadido dunha nova planta no edificio, que acollería tamén dependencias municipais.
A Federación Sociocultural ‘O Carrás’, que agrupa a 15 colectivos culturais, xuvenís, de discapacitados e musicais do Carballiño, plantexará á concelleira de Cultura, Asunción Rivero, a ampliación do Auditorio municipal para que as asociacións dispoñan de locais estables para xuntanzas e actividades.

O presidente da federación, Manuel González Iglesias, indicou que ‘temos solicitada unha entrevista coa responsable política da área cultural, xa que nos comunicaron que a finais deste mes os colectivos temos que desaloxar o baixo que o Concello tiña alugado na rúa Evaristo Vaamonde para a organización dos nosos actos’.

O voceiro de ‘O Carrás’ engade que ‘nestes intres descoñecemos se o Concello vai poñer á nosa disposición outra sede, e por iso queremos que Asunción Rivero nos facilite un lugar estable’.

Neste sentido, a directiva da federación proporá que ‘se inclúa dentro dos proxectos do Plan de investimentos do Goberno estatal (Plan E) a reforma do Auditorio municipal, ó traverso do engadido dunha nova planta, que suporía gañar máis espazo para as asociacións, e que tamén podería acoller dependencias da propia Concellería de Cultura, aliviando deste xeito a saturación de oficinas na Casa do Concello’, comenta González Iglesias.

INICIATIVA

Creación dun Consello de Cultura

Os directivos da federación tamén plantexarán ante Asunción Rivero a constitución dun Consello Municipal da Cultura, ‘tal e como acordamos coa anterior responsable da área, Inmaculada Ucha’, lembra Manuel González. As asociacións integradas en ‘O Carrás’ xa teñen elaborado un borrador dos estatutos, ‘polo que só estariamos á espera desta xuntanza coa concelleira a fin de darlle a coñecer este proxecto, para o seu debate e visto bó’, engade o presidente. Segundo os estatutos, o Consello estaría formado por tres representates dos colectivos culturais, un concelleiro por cada un dos tres grupos politicos da Corporación e outra persoa nomeada polos centros de ensino do municipio. A creación diste novo ente tamén deberá ser ratificada en sesión plenaria.



Te puede interesar