Un concurso premia con 600 euros o mellor proxecto sobre o medio ambiente

A asociación Aula Natural Xesta do Carballiño vén de convocar un concurso co gallo da celebracion, hoxe, do Día Mundial do Medio Ambiente. ‘O certame ten como obxectivo principal fomenta-la creatividade e contribuir ó coidado do noso entorno’, sinala o presidente do colectivo, Juan José Nogueira.
Deste xeito, as persoas interesadas en participar deberán presentar un proxecto relacionado coa educación ambiental, cambio climático, residuos e contaminación, enerxías, consumo sustentable e a paisaxe, entre outros temas. Cada concursante presentará a súa proposta escollendo o medio máis axeitado, tendo en conta que a asociación valorará neste eido a creatividade dos proxectos. Juan José Nogueira adianta que ‘o gañador recibirá unha dotación económica de 600 euros e a posibilidade de realizar o seu proxecto’.

A Aula Natural Xesta pretende con este concurso ‘incentivar a creación de novos recursos para protexer o noso entorno; solucións a problemáticas ambientais e aplicación de novas tecnoloxías tentando acadar unha sociedade máis sostible’, engade o responsable da asociación. Neste senso, Juan José Nogueira lembra que ‘as medidas que se están a propoñer no cumio de Nova Zelanda consisten nunha maior eficiencia enerxética nos edificios e aparatos eléctricos, e tamén o papel que xogan as árbores con respecto a combater o aumento dos gases do efecto invernadoiro’.

Te puede interesar