Xulia Alonso e Calo Lourido recibiron en Moldes os galardóns correspondentes á edición número 26 do certame

Un convenio axudará á divulgación do legado de Antón Losada Diéguez

Roberto Varela, Xulia Alonso, Argimiro Marnotes, Cipriano Caamaño e Francisco Calo, nun momento do acto literario. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O conselleiro de Cultura e Deportes, Roberto Varela, e o presidente da Fundación Antón Losada Diéguez, Cipriano Caamaño, tamén alcalde de Boborás, asinaron un convenio de colaboración para a difusión da vida e a obra do ilustre galeguista nado en Moldes. Foi precisamente no pazo da familia Losada, ubicado nesta localidade do municipio de Boborás, onde se levou a cabo o protocolo, coincidindo coa entrega dos galardóns da vixésimo sexta edición do certame adicado ó ideólogo da Xeración Nós.
O citado departamento da Xunta dotará á fundación cunha achega de 9.000 euros para a realización dun programa conxunto de promoción da obra e da figura de Losada Diéguez, encamiñado á organización dunha serie de actividades relacionadas co legado deste mestre, escritor e historiador. Así, a Xunta editará diferentes publicacións das que foi autor, 'para dar continuidade a súa laboura e fortalecer o proceso de normalización lingüística e cultural de Galicia', subliñou Roberto Varela.


GALEGUISMO

Foi o propio conselleiro de Cultura quen entregou as estatuíñas conmemorativas dos premios correspondentes a Xulia Alonso, no eido de creación literaria, e Francisco Calo Lourido na modalidade de investigación e ensaio, que recibiron 6.000 euros cada un. Como mantedor do acto estivo presente o escritor alaricano Alfredo Conde, que destacou a Losada Diéguez coma 'elemento conciliador do galeguismo, que non é privilexio nin patrimonio de ninguén, e que debe servir de exemplo para evitar as pelexas da actualidade'. Conde avogou por un 'clima conciliador' e un rescate dos valores que figuran nas obras galardoadas, 'Futuro imperfecto', de Xulia Alonso, e 'Os celtas. Unha revisión dende Galicia', de Calo Lourido.

A Moldes acudiron o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, acompañado por concelleiros da súa Corporación, así como o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, e o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias, entre outros. Pola mañá oficiouse unha misa na igrexa de San Mamede, seguida dunha ofrenda froral a Losada e Chamoso Lamas no cemiterio.

Te puede interesar