Uns 200 coralistas, familiares e amigos participaron nunha misa e logo xantaron en Casledo

A Coral de Ruada converte a súa romaria nun concerto

Un momento do xantar da Coral de Ruada, na carballeira de Casledo. (Foto: JAINER BARROS)
Os integrantes e simpatizantes da Coral de Ruada, que conmemorará a vindeiro día 5 de outubro os seus 94 anos de andaina, desafiaron á choiva na súa tradicional 'Romaría dos amigos', que coma dende algo máis de tres décadas celebran na localidade de Oseira, no municipio de Cea. Ó mediodía de onte, comezaron a chegar ó aparcadoiro ubicado no contorno do mosteiro cisterciense un bó número de vehículos particulares e o autocar que transporta ós coralistas.
Un número aproximado de 200 persoas achegáronse á igrexa parroquial de Santa María, no mesmo cenobio, para participar na misa dominical, que oficiou un dos monxes, o pai Eladino, a partires das 13.00 horas, cunha mensaxe clara: 'Os cristianos debemos ser fieis ós nosos irmáns', e outra referida á crise: 'Non hai tempos bós e malos, serán unha ou otra cousa se nós somos bós ou malos', citando a San Agustín.


HOMENAXE

A coral cantou varias pezas ó longo do oficio litúrxico, con acompañamento de órgano, e o seu grupo de gaitas interpretou, no intre da consagración, o 'Himno do Antigo Reino de Galicia'. Ó remate da misa, e en homenaxe a tódolos asistentes, os coralistas cantaron un 'Salve Regina' e a canción 'Oseira', con letra de Xoan Xosé Laxe e música do anterior director da agrupación, Juan José Rumbao. O grupo polifónico e os seus acompañantes abandonaron finalmente o recinto monacal e ó ritmo dos gaiteiros e percusionistas percorreron o camiño que leva ó campo de Casledo, que utilizan os veciños de Oseira para os seus festexos patronais.

Alí, invitaron de xeito gratuito ó recoñecido 'pan de Cea', auga e refrescos, e tamén a viño dunha 'pipa' que sempre levan os organizadores. Para xantar, cociñouse pulpo e carne 'o caldeiro', nunha xuntanza de confraternidade na que non faltaron as excelente voces das mulleres e os homes da coral e a música do seu grupo de gaitas.

O director, Xoán Antón Vázquez, suliñou que 'na actualidade hai medio cento de coralistas e ata nove compoñentes no grupo folclórico, de xeito que cando estamos todos non collemos no autobús'. A velada prolongouse ata o remate da tarde, nun ambiente de ledicia acorde coa data sinalada, na que cada ano a Coral de Ruada festexa aquel mes de xuño de 1919 no que os seus primeiros integrantes debutaban, con grande éxito, na antiga Sala Apolo da cidade ourensá.

Te puede interesar