Doce cativos de Piñor recibiron apoio didáctico fóra das aulas

O Concello de Piñor deu por rematado o programa 'Familias Tardías' correspondente a este curso escolar (2010-2011), dende a súa posta en marcha por primeira vez hai dous anos. Concretamente, nesta actividade participaron un total de 12 cativos, que foron atendidos de luns a venres, de seis a oito do serán, nas instalacións do Concello Vello por unha profesional do ensino, ofrecéndolles reforzo escolar e apoio no estudo para os exames.
'O obxectivo deste programa é facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias do municipio, xa que somos conscientes de que o horario da escola á que acuden os rapaces é dificilmente compatible coa xornada de traballo dos proxenitores', subliña o alcalde de Piñor, Francisco José Fraga.

Por outra banda, dende o Concello tamén se lles ofreceu clases de lingua inglesa un día por semana, e acceso á aula de internet municipal. As nenas e nenos que participan no programa disporán o vindeiro martes de clases de inglés de balde, para axudalos nos exames finais deste curso.

Te puede interesar