Espazo Común propón investigar a xestión do Asilo de O Carballiño

Presentou unha moción para que a corporación aprobe no próximo pleno a constitución dunha comisión municipal

O grupo municipal Espazo Común vai solicitar no pleno da próxima semana a creación dunha comisión municipal de investigación sobre o acontecido nos últimos tempos na Residencia Irmáns Prieto (Asilo do Carballiño).

Asegura este grupo da oposición que hai algo máis de dous anos que cambiou a forma de xestión e sinala que “privatizouse a cociña, privatizouse a lavandería, aumentáronse as prazas, instituiuse unha xerencia externa e foise suprimindo, de xeito pouco claro, a presencia de relixiosas”.

Así mesmo, asegura que “comezaron a aplicarse tarifas que equiparan esta instalación con calquera outra de índole privado, obviando así toda referencia ao desamparo e abrindo as súas portas só a aqueles que poden facer fronte aos custos determinados”, e engade que “apenas fai falla explicar que o que debía ser unha entidade social sen ánimo de lucro, viuse transformada por decisións ben escuras nun negocio, mercantilizando e traizoando o espíritu orixinal mantido durante moitas décadas”.

Por iso, Espazo Común pide a través dunha moción que se constitúa unha comisión de investigación con presenza de tódolos grupos municipais da Corporación para “esclarecer tódolos feitos e decisións que levaron á corrupción do espírito orixinal do Asilo do Carballiño”.

Ademais, “que se retrotraian tódalas decisións tomadas con premisas mercantilistas e se volte a xestionar o Asilo do Carballiño coma unha institución sen ánimo de lucro e de apoio aos máis desfavorecidos da nosa comarca”, segundo recolle a moción.

Te puede interesar