Os estudantes celebran o Día do Libro na Insua dos Poetas

Celebración do Día Mundial do Libro na pasada edición.
photo_camera Celebración do Día Mundial do Libro na pasada edición.
Participarán seis centros educativos da provincia que recibirán de agasallo lotes de libros

A Fundación Insua dos Poetas, en colaboración cos profesores e alumnado de varios centros de ensino públicos e privados de Ourense, celebra o próximo martes, 23 de abril, a partir das 11,00 horas, o Día Mundial do Libro. 

No paraxe natural e cultural Insua dos Poetas, na Esgueva do Carballiño, serán protagonistas os escolares do IES de Bande, o IES Ferro Couselo de Ourense, o CEIP de Seixalvo (Ourense), o CEIP de Maside, o Colexio Luis Vives de Ourense e o Colexio Vila do Arenteiro do Carballiño. Os estudantes realizarán diversas intervencións e tamén serán agasallados con lotes de libros destinados ás bibliotecas dos centros educativos participantes dos que fará entrega a organización.

O patrocinio do Día do Libro na Insua dos Poetas correspóndelle á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e á Deputación Provincial de Ourense. Desde 2015, a Insua dos Poetas constitúe, cada 23 de abril, un exemplo de dinamización e de compromiso cultural desde o rural.

O presidente da fundación, Luis Gozález Tosar, fai mención desta celebración a prol do libro como principal motor cultural e educativo e lembra que foi en 1988 cando a UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Cultura, as Ciencias e a Educación) designou a data do 23 de abril de cada ano como Día Mundial do Libro.

“Tívose en conta daquela que arredor do 23 de abril faleceron tres grandes escritores: Miguel de Cervantes Saavedra, que morreu o 22 de abril de 1616 e foi soterrado o 23, o Inca Garcilaso de la Vega e William Shakespeare”, apunta González Tosar.

Propósito

Nese sentido, engade o presidente da Fundación Insua dos Poetas que  “o propósito fundamental do Día do Libro foi a promoción da lectura ao que posteriormente se lle sumou a homenaxe a significativos intelectuais que coas súas obras impresas contribuíron ó avance da humanidade ó longo do tempo. Tamén se incorporou a esta efeméride a reivindicación dos dereitos de autor”, matizando que “a cultura galega comezou a conmemorar o Día do Libro a finais da década dos 80 do pasado século con referencia expresa á escrita en lingua galega”.

Te puede interesar