Estudantes do Carballiño e Portugal terán un intercambio

O programa de actividades organizado polo Departamento de Normalización Lingüística do IES Manuel Chamoso Lamas do Carballiño, contempla para o vindeiro martes, 22 de xuño , unha visita de alumnos da localidade lusa de Alijó ós seus compañeiros de Educación Secundaria de Mesego. Nos últimos meses, os estudantes de ambos institutos realizaron un contacto epistolar, cadaquén no seu idioma, que lles permitiu comprobar o parecido de ambas linguas na escrita. Agora van a ter a posibilidade de practicar a comprensión oral mediante o contacto directo.
Nesta xornada de convivencia inclúese unha recepción no Concello por parte do alcalde, Carlos Montes, e un percorrido polo templo de A Veracruz e o Gran Balneario, antes dun xantar de confraternidade no comedor do instituto. A continuación, desplazaranse á piscifactoría e ó Parque Etnográfico do Arenteiro.


IRMANAMENTO

Os estudantes portugueses tamén terán a oportunidade de ver o vídeo da visita carballiñesa á vila de Alijó, irmandada co Concello do Carballiño por acordo plenario da Corporación, tomado o 7 de outubro de 2004. O equipo de Normalización do Chamoso Lamas pensa devolverlle a visita no curso vindeiro.

Te puede interesar