O CARBALLIÑO

As festas da Cigala e do Pulpo estreitan vínculos

<p></p>
photo_camera Enrique Rodríguez, Francisco Fumega, e outro membro da organización da Festa da Cigala.

Comerciantes de Marín propoñen un irmandamento de concellos

Os organizadores da Festa da Cigala de Marín están a promover a participación do Concello do Carballiño neste evento gastronómico, previsto para finais do próximo mes de xullo, co obxectivo de incentivar a colaboración entre esta celebración da provincia de Pontevedra coa Festa do Pulpo, que ten lugar no Parque municipal o segundo domingo do mes de agosto, e así favorecer o turismo entre ambos concellos.

A proposta, que realizaron de xeito informal en días pasados e concretarán nos próximos representantes dos comerciantes de Marín e da organización da Festa da Cigala, ten aínda máis alcance, pois esperan que tamén se poida realizar un acto de irmandamento entre os concellos de Marín e O Carballiño.

Esta petición realízase en virtude do vencellamento histórico que existe entre ambas localidades, a raíz do Priorato de Oseira en Marín, e tamén polo intercambio comercial e turístico entre as xentes do Carballiño e de Marín ata non hai moito tempo.

"As xentes de Marín acudían aos balnearios do Carballiño a tomar as augas, e as do Carballiño ían a Marín á praia", sinalaban os responsables municipais.

Por outra parte, en varias circunstancias xa se teñen producido encontros entre os concellos de ambas localidades. Así, a Festa do Pulpo xa se dedicou un ano a Marín, e a Danza das Espadas, que se baila o día de San Miguel, xa se presentou na Praza Maior do Carballiño.

Con todo, pese a estes vínculos históricos, non ten habido ningún acto de irmandamento formal entre ambos concellos, que é o que persiguen agora os comerciantes e organizadores da Festa da Cigala.

En días pasados o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, recibiu ao presidente da Festa da Cigala, Enrique Rodríguez, co obxectivo de dar os primeiros pasos dirixidos a xestionar o irmandamento, así como a promoción da Festa do Pulpo en Marín, e da Festa da Cigala no Carballiño, nas fechas de ambas celebracións.

Te puede interesar