o carballiño

O Festival do Teatro Galego enche a vila de actividades

fetega
photo_camera A presentación do Fetega tivo lugar este luns no Concello de Carballiño.
Espectáculos de butaca, praza e rúa, e monólogos conforman o programa desta 30ª edición

A compañía Barafunda e a súa "vaca global" percorreron rúas e prazas da vila do Arenteiro para animar a veciños e visitantes á asistir as funcións do Festival do Teatro Galego (Fetega), que dende este luns e ata o vindeiro venres acada a súa 30ª edición co patrocinio de Agadic, Deputación provincial e o propio Concello do Carballiño. Uns apoios ós que a directora do certame, Josi Lage, engadiu "a empresa de autocares Montañesa e os 75 establecementos comerciais e de hostelería que colaboran". A programación inclúe un total de 14 espectáculos, dos cales cinco deles son no Auditorio municipal, cinco na praza da Veracruz e catro son monólogos cómicos na Casa da Cultura, ademais dos dous obradoiros de adestramento actoral e de traballo con arquetipos desenvoltos no pasado mes de agosto.

Un festival que leva este ano o nome de "Celso Parada" en homenaxe o recentemente falecido dramaturgo, actor e director do Morrazo, que compartiu escenario con Josi Lage na obra "Nosa señora das nubes", e no que ó actor Miguel de Lira, cofundador da compañía Chévere, recibirá o premio de honra nunha gala que se celebrará este venres, día 6, no Auditorio, baixo a conducción de Marián Bañobre. Un xurado integrado por Mariana Carballal, Casilda Alfaro, Manuel Xestoso, Rubén Riós e Xosé Leis será o encargado de decidir os premios ós mellores actor e actriz; mellores espectáculos e mellor monologuista, entre os protagonistas do festival.

Por outra banda, Josi Lage, anunciou a súa despedida como coordenadora do evento tras 20 anos, "para adicarme máis a fondo á miña profesión de actriz, pero seguirei colaborando no que faga falta". A actriz nacida na parroquia carballiñesa de Arcos agradeceu "o traballo de todo un equipo que sempre estivo aí e que sen él non sería posible sacar adiante un proxecto coma este, que vai quedar en boas mans".


Primeiras actuacións na escea


As compañías ÍO, co seu espectáculo circense "Catro segundos", e Iria Pinheiro con "Anatomía dunha serea", abriron onte luns o programa do festival, coas súas actuacións respectivas na praza da Veracruz, e no Auditorio municipal. Pola súa banda,

Xan Veiga protagonizou, na Casa da Cultura, o primeiro dos monólogos cómicos, "Aqueles marabillosos anos". Na xornada de hoxe, martes, será a quenda de Dani García, que ofrece "Don Gelati", ás 19,00 horas, na praza da Veracruz, mentres a compañía Contraproducións representará, ás 22,00 horas, no Auditorio, a obra "Compañeira de piso", con Patricia Vázquez e Rebeca Montero no reparto. As sesións rematarán á medianoite co monólogo "Padre Merino", que correrá a cargo de Fran Campos na Casa da Cultura.

Te puede interesar