Festival

O Fetega insta aos veciños de Carballiño a participar como voluntarios

Participantes no obradoiro presencial de Fernando Tato.
photo_camera Participantes no obradoiro presencial de Fernando Tato.
A pandemia do covid-19 reduce orzamento na 31 edición e tamén días de representación teatral

A Asociación Cultural Fetega busca voluntarios para paticipar na organización da 31 edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño. O novo director, Carlos Ledo, que vén de sustituir a actriz Josi Lage que se fixo cargo do desenvolvemento deste evento durante os últimos 20 anos, considera que "é importante que os veciños do Carballiño participen na actividade cultural e por iso desde a asociación facemos un chamamento para que se apunten voluntarios".

A Fetega reducirá en algún día a programación, que viña sendo habitualmente de cinco días, por as especiais circunstancias deste ano, marcadas pola pandemia do covid-19, que tamén influíu, segundo sinala o organizador, na redución das aportacións económicas de institucións como o Concello do Carballiño, mentres se sigue negociando coa Xunta de Galicia, e despois de que a Deputación provincial confirmase a mesma subvención da anterior edición.

En función destas circunstancias, Carlos Ledo prevé que o festival teña lugar entre os días 23 e 26 de setembro mentres pecha o cartel de espectáculos que se darán a coñecer en próximas datas. 

Con todo, xa arrancaron as actividades paralelas, que consisten no desenvolvemento de dous obradoiros dirixidos a profesionais e tamén a aficionados do teatro. Así, quedan pendentes só dúas sesións do obradoiro virtual de escritura dramática, que dirixe Avelina Pérez, e no que participan 12 alumnos. Ademais, xa rematou o impartido por Fernando Tato sobre actuacións baseadas no mental, instintivo e emocional, con 15 alumnos, que xa recibiron os seus respectivos diplomas e que foi presencial.

Carlos Ledo afirma que é todo un reto organizar o festival na actual situación sanitaria pero que "a cultura está demostrando ser moi responsable e estase convertindo nunha excelente válvula de escape, cansados de confinamento e limitacións". Tendo en conta ademais, "o interese que xenera entre as compañías participar neste festival e ser un referente do teatro durante unhos días", matiza.

Implicar aos veciños como voluntarios e tamén acercar ao espectador ao interior de cada montaxe, intentar que "coñeza o proceso creativo do actor", é outro reto desta nova edición, segundo indicaba Carlos Ledo.

Te puede interesar