Firmas en Carballiño para unha rúa peatonal

Vista do calexón de entrada da rúa Cerca. (Foto: Marcos Atrio)
Comerciantes, hosteleiros e veciños do calexón de entrada a rúa Cerca propoñen a peatonalización dese tramo, comprendido entre a rúa Curros Enríquez e unha pequena praza que na actualidade serve de estacionamento de vehículos. Para conquerir este obxectivo, iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas entre os cidadáns, co fin de avalar a súa petición ante as autoridades municipais.

Os promotores xustifican a súa solicitude alegando a perigosidade do citado calexón, 'xa que os conductores non respetan o sinal de prohibición de entrada dende a rúa Curros Enríquez e acceden dende esta á rúa Cerca'. Ademais, a anchura da vía nese tramo tan só permite o paso dunha furgoneta e tan só hai dúas beirarrúas de pouco máis dun metro, aseguran.Por outra banda, a peatonalización do tramo permitiría o adecentamento da praza colindante como área de esparcemento, 'e na que poderían colocarse bancos de pedra ou madeira, puntos de alumeado e prantar árbores', engaden.

INCORPORACIÓN

Os propietarios da zona consideran que o obxectivo futuro sería que o Concello do Carballiño convertise en peatonal toda a rúa Cerca, xa que comunica co tramo de subida ó adro de A Veracruz dende a avenida Conde Vallellano, unha obra que podería incorporarse ó proxecto de mellora do contorno do templo parroquial. Os veciños lembran, tamén, que o concelleiro de Tráfico, José Antonio Barge, lamentou non ter perfilada antes do remate deste mandato municipal a peatonalización da rúa Curros Enríquez dende o seu entronque con Rosalía de Castro ata a Praza de San Ramón.

'Por iso a nosa proposta non vai val encaminada, e trataremos de que o novo equipo de goberno do Concello a estudie en profundidade, co fin de que todo o contorno urbano da Veracruz se transforme nun verdadeiro paseo', comentan. A opción de eliminar o tráfico rodado xa foi aplicada con éxito pola Concellería de Tráfico na Rúa do Paseo, que integran Rosalía de Castro e Mosquera; Perfectino Viéitez, Cánovas del Castillo e a Baixada a Flores. En tódolos casos, o Concello asumiu o aval das sinaturas veciñais.

Te puede interesar