Galicia Central arranca oficialmente coa presentación da súa imaxe corporativa

Galicia Central, a primeira asociación voluntaria de concellos que se crea en Galicia, arranca oficialmente o próximo venres, día 12 de setembro, coa sinatura da súa acta fundacional por parte dos alcaldes dos catro municipios que a conforman, e coa presentación da súa imaxe corporativa, tras varios meses de accións preparatorias a modo de experiencia inicial. O acto desenvolverase no Club Internacional de Prensa ás 13 horas.
A asociación Galicia Central, constituida polos concellos de Lalín, Monforte, Carballiño e Melide, convértese nunha alianza pioneira e sen precedentes, que ten por obxectivos desenvolver políticas e proxectos en común aproveitando as particularidades de cada un destes municipios do interior de Galicia.

Neste senso, levará a cabo as súas actividades no ámbito territorial dos concellos asociados co fin de aproveitar complementariedades e crear dinámicas estratéxicas para o desenvolvemento do territorio mediante a creación de emprego ou a valorización turística.

Tópicos

A asociación racha, ademais, dous tópicos, o da división territorial porque agrupa a concellos das catro provincial, e o do signo político, o mesmo tempo que tenta promover o reequilibrio entre a Galicia interior e a urbán, según apuntaron responsabeis dos concellos.

Nestes momentos, os socios están ultimando os estatutos que rexerán a entidade e están a traballar na elaboración do estudo estratéxico no que se recopilan as dinámicas de cooperación encamiñadas a dinamizar o territorio de Galicia Central de cara a pechar a colaboración dun calendario conxunto de actividades para un futuro inmediato. A convocatoria de concursos, celebración de festas, o trazado de rutas turísticas son algunhas das accións nas que empezaron a traballar os catro concellos asociados.

Te puede interesar