A historia das pulpeiras do Carballiño nunca contada, nun libro

Manuel Blanco entrega o libro a María del Mar Lage, onte no Concello do Carballiño.
photo_camera Manuel Blanco entrega o libro a María del Mar Lage, onte no Concello do Carballiño.
O Concello de Carballiño distribúe medio milleiro de exemplares deste libro sobre a historia das pulpeiras

“Pulpeiras do Carballiño. Herdeiras dunha tradición”, é o título do libro que impulsan o Concello do Carballiño, que asume a financiación, e a Asociación Fotográfica O Potiños para homenaxear a estas profesionais. O traballo, que contou coa participación de 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións, comezará a distribuírse o venres entre os protagonistas das imaxes ao mesmo tempo que se abre ao público unha exposición de 30 fotografías, a partir das 20,00 horas, nun local da Rúa Principal.

O resto dos exemplares, ata medio milleiro, distribuiranse na Casa Consistorial e os interesados poderán solicitar un por persoa. Tamén repartiranse entre os membros da Asociación O Potiños.

O seu presidente, Manuel Blanco, agradeceu a colaboración do Concello do Carballiño e das familias protagonistas das imaxes, asegurando que “o resultado é francamente satisfactorio”. A secretaria da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, María del Mar Lage, recibiu onte un exemplar das mans de Manuel Blanco e tamén quixo mostrar o seu agradecemento a todos os que fixeron que o libro sexa unha realidade.

A idea xurdiu cando a Asociación de Pulpeiros e O Potiños comezan a colaborar para realizar fotografías para a páxina web da primeira entidade. Componse de 60 fotografías en branco e negro e nas que o pulpo desaparece como elemento esencial para dar protagonismo a este colectivo de traballadoras e á súa historia.

No libro inclúense textos do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; do colectivo O Potiños; de Carlos Montes, sobre a historia desta industria familiar, e de Felipe Senén. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, puxo en valor “o excelente traballo de O Potiños”.

Te puede interesar