Homenaxe a Xela Arias con música e literatura na Insua dos Poetas

Luis González Tosar e Manuel Baltar, na Insua dos Poetas.
photo_camera Luis González Tosar e Manuel Baltar, na Insua dos Poetas.
Actuará a banda 4 Mal Quartet Jazz e recitarán Rochi Novoa e Quico

O singular espazo que une natureza e intelectualidade: a Insua dos Poetas (A Esgueva, Madarnás, O Carballiño), celebra o vindeiro 17 de maio, no 13º aniversario deste parque temático da cultura galega, unha xornada de jazz e poesía, a cargo da banda 4 Mal Quartet Jazz e os poetas Rochi Novoa e Quico, que lembrarán a Xela Arias, a poeta, profesora, editora e tradutora galega á que se lle dedica este ano a efemérides das nosas Letras. A actividade, titulada “Musicando versos”, que terá lugar ás 19,00 horas, conta co patrocinio da Deputación de Ourense, a través da Rede de Auditorios Provinciais, e o apoio do Concello do Carballiño.  

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, define o evento como: “Un espazo único que acolle un evento único da nosa cultura”, e lembra que para o goberno provincial “todos os días do ano son o Día das Letras Galegas”. 

Neste sentido, o creador e impulsor da Insua dos Poetas, o escritor porteño ourensán Luís González Tosar, destaca que esta cita cultural en plena natureza comezou o 17 de maio de 2009, ano dedicado a Ramón Piñeiro, e foise consolidando “como un proxecto singular en defensa do medio ambiente, encravado no rural, que promove a lingua e a cultura de Galicia”. 

O pasado 27 de marzo, Xela Arias pasou a integrar a nómina de autores que conforman o universo literario da Insua dos Poetas. Un espazo público destinado á creatividade cultural no que a natureza dialoga coas artes plásticas e coas mellores palabras dos nosos poetas. Naquela ocasión, a Insua celebrou o IX Día da Auga, da Árbore e da Poesía, que se converteu na primeira homenaxe ourensá a Xela Arias.

Poesía, danza e música mesturáronse naquela xornada nun acto que incluíu o descubrimento dunha escultura do artista ourensán Alberto Fernández que, dun xeito simbólico, interpreta a poesía de Arias. O acto titulouse "Xela Arias en liberdade: auga, árbores e palabras". 

Na paraxe da Insua dos Poetas figuran autores das letras galegas de todos os tempos, desde Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal, ata Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura e Dora Vázquez, Xosé María Díaz Castro, Antón Tovar, Carlos Casares ou Víctor Campio Pereira, xunto cos integrantes da Xeración Nós.

Te puede interesar