Humor, música e obradoiros na programación deste maio en Carballiño

O humorista Touriñán volta ao Carballiño xunto con Marcos Pereiro para presentar un novo espectáculo

O humoristra galego Touriñán volta ao Auditorio do Carballiño ofrecendo un espectáculo xunto a Marcos Pereiro, titulado “Agora en serio. 15 anos cos dous de sempre", o próximo 12 de maio. Debido á gran expectación que hai, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, anunciaba un segundo pase. Así, as actuacións terán lugar ás 21,00, e 23,00 horas, e as entradas poden adquirirse en Ataquilla.com ou ben a partir do 9 de febreiro, no restaurante A Fuchela.

Esta actuación forma parte da programación cultural deste mes de maio, presentada polo responsable de Cultura, que contempla tamén para o 14 de maio, ás 19,30 horas, o espectáculo Monólogos R, coa presentación de Sergio Pazos, e as actuacións de Víctor Grande, David Perdomo e Pepe Suevos. Estes monólogos son de balde, por xentileza de R, e as entradas poden recollerse no establecemento de R, na rúa do paseo.

O día 20, ás 20,30 horas, actuará o grupo A Roda. O prezo das entradas é de 10 euros si se compran anticipadamente (Aparthotel Arenteiro, A Fuchela e Cafetería O Fiadeiro), ou 12 euros en taquilla.

Ademais, o 8 de maio, ás 20,00 horas, no Auditorio, terá lugar a Audición anual da Escola Municipal de Música e o Conservatorio; e o 26 de maio, ás 20,00 horas, haberá unha charla-coloquio de El Langui.

A conmemoración do Día das Letras Galegas inclúe na programación un concerto de Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc, a pintura dun mural, a edición dun marcapáxinas, unha audición de música de blues e a presentación da novela que acadou o Premio Eduardo Blanco Amor 2016, “Blues para Moraima”, do escritor carballiñés Miguel Anxo Fernández, ademais de obradoiros tecnológicos, de fotografía e de animación á lectura, entre outras actividades. 

Te puede interesar