Os veciños desta parroquia de Boborás comezaron a demolición da antiga capela

A igrexa nova do Regueiro manterá a torre principal

Aspecto das obras de demolición da actual igrexa de O Regueiro. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Unha empresa de demolicións comezou os traballos de desmontaxe do tellado e das paredes da actual igrexa parroquial de O Regueiro, en Boborás, co gallo de executar a construcción dunha nova na mesma ubicación. A execución deste proxecto é un anceio dos veciños, que xa hai 10 anos promoveron unha campaña de recollida de donacións entre os emigrantes en México para o financiamento do proxecto.
Ademais, o Colexio Oficial de Arquitectos tamén organizou un concurso de ideas para a confección dos planos da igrexa, pero o seu alto custe aconsellou a redacción doutra memoria técnica máis axeitada ós cartos dispoñibles, ó redor dos 130.000 euros. O novo proxecto propón unha adaptación da vella estructura, que presentaba grietas e goteiras, pero conservando a fachada principal coa torre do campanario e o porche da entrada principal.

Os feligreses do Regueiro, unha parroquia que integran nove núcleos de poboación dos municipios de Boborás, O Irixo e Beariz, están a espera de que o Obispado de Ourense informe favorablemente a edificación do novo templo, que manterá a súa situación ó carón da estrada N-541 (Ourense-Pontevedra). Mentres, os oficios relixiosos (misas dominicais e funerais) celébranse de xeito provisional no centro social da localidade, que ocupa a antiga escola.

Te puede interesar