A Insua dos Poetas eríxese en referente da cultura galega e da liberdade

Escritores, artistas plásticos, editores, autoridades e veciños celebraron a Festa da Palabra na Insua dos Poetas de Carballiño

Escritores, artistas plásticos, músicos, editores, autoridades e veciños en xeral participaron onte na celebración da Festa da Palabra, organizada pola Fundación Insua dos Poetas, desde onde se reivindicou a cultura, a liberdade e a lingua galega. O presidente da fundación e escritor, Luís González Tosar, daba a benvida aos asistentes e a familia de Arcadio López Casanova, a quen se lle dedicou esta quince edición da festa, e sinalaba a razón de ser deste espazo que “está inspirado pola causa de Galicia e a causa da liberdade”, liberdade de creación, de expresión e de acción, anunciando que a próxima homenaxeada na Festa da Palabra será a escritora Xoana Torres.

O alcalde en funcións, Manuel Dacal, destacou a creación da Insua como un lugar dedicado á cultura e o deputado César Fernández sinalaba que “é importante para nós como pobo celebrar esto tan necesario como é a palabra”. 

O secretario de Política Lingüística, Valentín García, resaltaba a importancia da presenza de xente que chega a esta festa procedente de distintos lugares de Galicia; mentres que o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, referíase a Tosar como a “un osado e un visionario”, ao levar adiante este proxecto da Insua nun acto “hoxe referente de cultura en toda Galicia”.

Finalmente, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, sinalou que o legado de Arcadio López merece ser recoñecido e cada vez máis divulgado, para o que a Xunta está a catalogar toda a súa obra para poñela a disposición do público. A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, custodiará o seu legado, preto de 4.000 libros da súa biblioteca persoal que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio.

No transcurso do acto, entregáronse os premios Insua dos Poetas, que este ano recaen en Concha Blanco, na modalidade de literatura galega; no fotógrafo Xulio Xil, en creación artística; na Festa da Istoria, como iniciativa cultural e na Fundación Eira, na modalidade de defensa do medio natural. Tamén se recoñeceu o papel da cultura galega no exterior, cos emigrantes en Bos Aires, Dora Pegito e José María Magoso. Como colectivo ou institución destacada do Carballiño, premiouse ó Club Deportivo Arenteiro e na modalidade de Acción social o recoñecemento foi para a Federación Down Galicia. Todos os galardoados recibiron unha peza escultórica única do artista Acisclo Manzano. Tamén se presentou o libro “Antoloxía esencial de Arcadio López-Casanova”, de Tosar, e a cargo de Anxo Lorenzo e César Lorenzo Gil. Actuou como mantedor Xesús Alonso Montero; e Sara Caride recitou poemas do homenaxeado nesta quince edición do evento.

Te puede interesar