A Insua dos Poetas suma 26 esculturas coa obra de Pulido

A obra de Antón Pulido, na Insua dos Poetas.
photo_camera A obra de Antón Pulido, na Insua dos Poetas.

A obra “Kermesse para Arcadio”, do artista ourensán Antón Pulido, xa forma parte do conxunto escultórico do paraxe natural e cultural da Insua dos Poetas, ubicado en A Esgueva, da parroquia carballiñesa de Madarnás.

Esta obra suma un total de 26 esculturas dedicadas a outros tantos escritores da Literatura Galega, e neste caso, trátase dun gran vitral a toda cor, con dimensións de 4,80 por 2,78 metros,  inspirado na obra do poeta Arcadio López-Casanova ( Lugo, 1942- Valencia, 2022), que foi homenaxeado o pasado 29 de xullo durante a celebración da XV Festa da Palabra.

Esta escultura “perpetuará a memoria do autor de Mesteres”, apunta o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, quen recorda que con entrada libre, “pódese visitar todos os días, na Insua dos Poetas, xunto con outras 25 esculturas dedicadas a escritores da Literatura galega”.
A fundación afirma que está pendente da axenda de Luis Menor, presidente da Deputación provincial de Ourense, patrocinadora da peza de Antón Pulido, para o acto literario de inauguración. Nese acto tamén se contará con familiares do poeta Arcadio López-Casanova; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta, ademais de alcaldes, escritores e artistas que lembrarán a figura e a obra do homenaxeado.

Te puede interesar