O fundador do Museo de Oseira e a súa dona recibiron os ‘Torques de Honra’ na Casa da Cultura

Os investigadores recoñecen a traxectoria de Olimpio Liste na recuperación do patrimonio

 Os dous homenaxeados, Olimpio Liste e Josefina Fernández, na Casa da Cultura. (Foto: Miguel Ángel)
Olimpio Liste e a súa dona Josefina Fernández recibiron onte a homenaxe do Centro de Estudios Chamoso Lamas do Carballiño ‘pola laboura de recuperación e revalorización do patrimonio etnográfico’. O creador do Museo de Oseira asegurou que ‘sería mellor que as pezas dos museos estivesen aínda cumprindo a súa función’.
A presidenta do Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño, Rosa Ricoy, fixo entrega dos ‘Torques de Honra 2009’ ó matrimonio formado por Olimpio Liste e Josefina Fernández, nun acto que se desenvolveu na noite de onte na Casa da Cultura da vila do Arenteiro.

O premio instaurado polo colectivo de investigadores o ano pasado foi concedido ós fundadores do Museo de Oseira, que na actualidade acolle máis de 10.000 pezas, ‘pola súa traxectoria na recuperación, conservación e revalorización do patrimonio galego’, tal e como acordou a asamblea do Centro de estudios o pasado 22 de novembro. Rosa Ricoy fixo referencia a creación do Museo Liste ó carón do Mosteiro de Oseira no ano 1968, inaugurado oficialmente en 1972.

Amigos

A presidenta da asociación resumiu a historia de Olimpio e Josefina sinalando que ‘as vosas vendimas están feitas e o mosto xa ferve na cuba’. Olimpio Liste manifestou ‘atoparme entre amigos, e por iso non vos dou as gracias polo premio’, e sinalou que, ‘eu, que teño dous museos etnográficos en Oseira e en Vigo, estou en contra deles e non me gustan’. O galardonado xustificou esta afirmación apuntando que ‘comparo os museos cos zoos, onde están os animais en cautividade e non no seu hábitat natural’. Neste sentido, Liste engadiu que ‘as pezas que están gardadas nos museos deberían aínda estar cumprindo a súa función no lugar de onde foron rescatadas’.

Á sesión celebrada na Casa da Cultura acudiron socios do grupo de investigación, o ex-delegado provincial de Medio Ambiente, Francisco Fumega, entre eles, e tamén o actual director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Xosé Carlos Sierra, que tamén fora responsable en Ourense do departamento autonómico de Cultura.


Lembranza de Manuel Chamoso Lamas

O acto organizado pola directiva do colectivo de investigadores tamén serviu para rendir unha pequena homenaxe á figura de Manuel Chamoso Lamas e a súa traxectoria como defensor do patrimonio histórico e artístico a nivel nacional.

O ex-presidente do Centro de estudios, Xosé Manuel Sobrado Pérez, indicou que en 2009 estase a cumprir o aniversario do seu nacemento, ‘e dentro do programa de actividades que imos levar a cabo está a montaxe dunha exposición de fotografías que recolle, sobre todo, as imaxes que Chamoso Lamas fixo das igrexas, castros e monumentos das comarcas do Ribeiro e Carballiño’.

Sobrado Pérez lembrou os traballos do arqueólogo historiador oriundo de Moldes (Boborás) na recuperación de Pazos de Arenteiro, Mosteiro de Oseira ‘e as súas propostas para restauración do castelo, murallas e casco his tórico de Ribadavia’, cando Manuel Chamoso era director xeral de Patrimonio do Estado.

A mostra será inaugurada o vindeiro sábado 26 de decembro, ás oito da tarde, na sala de exposicións do Auditorio municipal do Carballiño. Un dos discípulos máis aventaxados de Chamoso Lamas, o carballiñés Felipe Senén López, será o encargado de impartir unha conferencia encol da vida e a obra do que foi o seu mestre.

Te puede interesar