Os libreiros galegos celebraron actividades no Carballiño co gallo da xúa xornada de confraternidade

A Irmandade do Libro premia a labor do IES Blanco Amor na categoría de centros de ensino

Libreiros e premiados presencian o espectáculo no Casino  Cultural do Carballiño. (Foto: Martiño Pinal)
Un cento de persoas participou onte nos actos programados no Carballiño pola Federación de Libreiros de Galicia co gallo da entrega dos ‘Premios Irmandade do Libro’ na súa decimo octava edición. Unha ruta sendeirista, espectáculos musicais e teatrais e unha cea de confraternidade encheron a xornada. Os directivos da organización entregaron os galardóns ós representantes das seis entidades galardonadas -o Instituto Blanco Amor de Ourense entre elase ó escritor Xavier Puente Docampo.
A decimo octava edición dos ‘Premios Irmandade do Libro’ desenvolveuse onte na vila do Arenteiro baixo a organización da Federación de Libreiros de Galicia e a colaboración do Concello. Un xurado presidido por Xurxo Patiño Pérez, presidente da federación, seleccionou ós gañadores das sete modalidades que constitúen o premio entre 18 entidades, tendo en conta que o gañador en obra literaria, Xavier Puente Docampo, xa fora elexido con anterioridade.

Deste xeito, no eido de ‘Fomento da lectura’, o premio correspondeulle ás bibliotecas públicas do Concello de Oleiros (A Coruña); o Instituto de Secundaria Blanco Amor de Ourense foi o triunfador en ‘Centros de ensino’; a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, en institucións; e a Colección Rescate de Alvarellos Editora en ‘Obra Editorial 2008’.

Percorrido

A novela ‘Festina Lente’, de Marcos Calveiro, de Edicións Xerais, fíxose acredora do ‘Libro do ano 2008’, mentres a librería Andel do libro galego e portugués, de Vigo, que rexenta Xaime Nogueira, de Boborás, gañou na súa categoría. Un cento de representantes das institucións e entidades premiadas, acompañados por membros da federación, participaron nesta xornada de confraternidade.

Unha boa parte deles percorreron o sendeiro existente entre o Parque municipal do Carballiño e o Museo Etnográfico, seguindo a beira do río Arenteiro.

Logo do retorno a pé ata o centro da vila, asistiron a unha actuación da cantante Uxía Senlle e do contacontos Cándido Pazó, no salón de actos do Casino Cultural. Xa pola noite, o restaurante O Pote acolleu un acto literario presentado polo historiador Felipe Senén López, ó que seguiu a cerimonia da entrega dos galardóns, no decurso dunha cea de clausura.

Só reciben cartos os centros de ensino

Os premios Irmandade do Libro naceron no 1991 e veñen celebrándsoe sen interrupción e con carácter itinerante en tódalas capitais galegas nas que hai unha agrupación integrada na Federación de Libreiros de Galicia. Deste xeito, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, A Coruña, Pontevedra e O Ferrol acolleron as primeiras entregas de galardóns, ata que a organización decidiu ampliar as sedes a outras localidades, como foi o caso de Sanxenxo na pasada edición e Carballiño na actual. Un dos aspectos destacados dos premios é que non están dotados economicamente, agás os que se conceden na modalidade de centros de ensino e que están destinados ó investimento exclusivo na adquisición de libros, con 1.500 euros para o gañador e 300 euros para os dous finalistas.



Te puede interesar