Un libro recopila os 25 anos de historia das Xociviga

Unha gala no Auditorio municipal na que participarán autoridades locales e autonómicas abre na noite de hoxe as ‘Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia’ (Xociviga) do Carballiño. Na xornada do sábado, presentarase unha publicación encol dos 25 anos de traxectoria do festival audiovisual.
As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) acenden hoxe os proxectores coa celebración esta noite dunha gala inaugural no Auditorio municipal do Carballiño. Neste acto contarase coa presenza do secretario e do director xeral de Comunicación, Fernando Salgado e Manuel Iglesias, respectivamente, e do presidente do Consorcio Audiovisual Galego, Ignacio Varela, ademais das autoridades locais.

A velada, que comezará ás 21,30 horas, terá como conductor ó actor galego Pedro Alonso, protagonista da serie ‘Padre Casares’ da TVG. Ó seu remate, a organización proxectará o filme ‘Plaga final’, protagonizada por José García, actor francés de pais carballiñeses, e que será estrea nas pantallas galegas.

O vindeiro sábado, presentarase no salón de plenos da Casa do Concello unha publicación recopilatoira dos 25 anos de Xociviga, na que participaron moitas das persoas que dende 1984 fixeron posible a creación e mantemento do festival.

Á presentación, que se desenvolverá ás seis do serán, asistirán o director de cine José Luís Cuerda; o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado; o artista Antón Reixa; o actor Rubén Riós, e Miguel Anxo Fernández, José Luís Diz e Xosé Prada, promotores das Xociviga.

Te puede interesar