A capela da Madanela acolle unha mostra de fotografías con motivo do seu quinto centenario, polo que se abre ó público os sábados e domingos pola tarde. Os veciños preparan tamén unha festa na carballeira.

A Madanela cumpre 500 anos

A capela da Madanela, que acolle unha exposición fotográfica sobre os seus 500 anos de historia . (Foto: MARTIÑO PINAL)
A parroquia de Santa Uxía de Lobás, en Carballiño, conmemora o quinto centenario da capela da Madanela, situada na serra, nunha fermosa carballeira que os veciños do entorno foron creando ó longo de moitos anos.
Alí festéxase o 22 de xullo a única romaría deste municipio e só nesas datas e noutras moi puntuales do ano ábrese a capela ós feligreses e devotos da santa. Neste aniversario, a Cofradía da Madanela (51 membros) considerou que é unha data apropiada non só de celebración senón tamén para promocionar a romaría e dar a coñecer este magnífico paraxe natural. Ademais, tal e como apuntaba o cofrade maior, Pepe Mon, 'tamén é tempo de reivindicacións, hai que insistir na necesidade de instalar o alumbrado para poder disfrutar da carballeira tamén de noite'. Asemade, xa solicitaron á Deputación maquinaria para ampliar o espazo adicado ó aparcamento de vehículos e para facer un novo acceso na parte baixa da carballeira.

Deste xeito, a cofradía decidiu abrir a capela cada sábado e domingo, das 17,30 ás 21,00 horas, para que poida ser visitada ata o próximo mes de outubro.

No seu interior montouse unha exposición de fotografías, todas alusivas á Madanela, antigas e máis contemporáneas, 'son 59 fotos aportadas polos veciños, algunhas moi curiosas e de fai máis de 60 anos', indicou Pepe Mon. É unha maneira de chamar a atención, despois de que o Concello non aceptara declarar festivo local o día da romaría, 'xa fai que o pedira pero para o Carballiño é máis rentable o martes de Entroido', sinala este feligrés.

O programa do quinto centenario tamén inclúe unha excursión dos veciños a Salamanca, o 2 e 3 de xuño, e tamén unha xornada de convivencia na carballeira prevista para o verán, aínda coa data por fixar, pero xa con algunhas ideas por diante como a de organizar unha comida popular, convocar un concurso fotográfico coa serra da Madanela como protagonista e desenvolver xogos e outras actividades.


MELLORAS NO ENTORNO

O Concello do Carballiño nestes intres está acometendo algunhas melloras no entorno da capela: unha pequena reforma no vello palco da música e a canalización subterránea das augas. A carballeira e a súa capela son un importante referente para esta parroquia e por iso tamén celebran neste entorno a misa do primeiro domingo da Cuaresma, que se aproveita para afianzar a tradición de plantar árbores, e a do primeiro domingo de maio 'que é a Madanela pequena', segundo lle chaman os veciños da parroquia. 'A carballeira foixe facendo pouco a pouco entre todos os veciños e dende fai moitos anos, por eso moitas das árbores son centenarias', matizou o cofrade.

O párroco, Emilio Viéitez, fai pouco máis de un ano que decidiu darlle un impulso a capela e o seu entorno, oficiando o primeiro domingo de cada mes pola tarde unha misa na Madanela, no inverno ás 17,00 horas e no verán ás 19,00 horas, tendo en conta tamén a gran devoción que nesta parroquia se sinte pola santa.

Te puede interesar