Magros contará cunha rede de abastecemento renovada

Os barrios da Aldea de Arriba e A Aldea de Abaixo, no núcleo de Magros, dispoñen dunha rede de abastecemento moi antiga, instalada na súa maior parte polos propios habitantes 

O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración co Concello de Beariz para a renovación da rede de abastecemento de auga no lugar de Magros, cun investimento de 105.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80%, coa achega de 84.000 euros, e o Concello de Beariz contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 21.000 euros.

Unha vez selado este acordo, Augas de Galicia estará en disposición de licitar as obras, que teñen un prazo de execución de catro meses. As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Na actualidade os barrios da Aldea de Arriba e A Aldea de Abaixo, dentro do núcleo de Magros, dispoñen dunha rede de abastecemento moi antiga, instalada na súa maior parte polos propios habitantes do núcleo. A rede presenta múltiples carencias, non dispón de ningunha válvula redutora de presión, o que fai que parte do barrio da Aldea de Arriba estea a traballar con presións moi altas, polo que as roturas na rede son frecuentes, ademais de causar problemas no funcionamento dos aparellos domésticos.

Mediante este convenio proponse a execución dunha nova rede de abastecemento.

Te puede interesar