O PP do Carballiño di estar 'moi preocupado' polas contas do concello nos derradeiros 16 anos

Marnotes proponse auditar a xestión do goberno socialista

Unha sesión plenaria da Corporación carballiñesa, presidida por Carlos Montes. (Foto: XESÚS FARIÑAS)
O futuro equipo de goberno do PP do Carballiño fará un exhaustivo estudio da situación económica e financieira do balance económico municipal, que será unha das prioridades para o novo presidente da Corporación, Argimiro Marnotes Fernández. Os novos gobernantes están moi preocupados coa herdanza económica que recibirán tras 16 anos de gobernos socialistas, 'e non só nós, xa que é a preocupación máis importante do pobo do Carballiño', subliña o propio Marnotes, que collerá o vindeiro sábado o bastón de mando da Alcaldía.
Unha vez que os nove concelleiros 'populares' conformen o goberno municipal 'faremos unha análise tanto da situación económica como dos recursos humanos existentes, e poñerémolo todo en coñecemento dos cidadáns, tal e como nos veñen demandando e ise é o noso compromiso', apuntou o próximo alcalde. Entre as posibles medidas, Marnotes baralla a contratación dunha auditoria das contas municipais dos últimos anos, e que se encargue esta tarefa a unha empresa especializada.


DESFASE

A proposta de auditoría xa fora asumida hai agora dous anos pola Corporación, que aprobou por unanimidade unha moción do BNG (entón co PP na oposición), pero tan só limitada ás contas do ano 2000, no que os nacionalistas detectaban un desfase económico nas liquidacións feitas á empresa Aquagest, concesionaria do abastecemento e saneamento municipais. O anterior alcalde, o socialista Carlos Montes, alegou que a contratación dunha empresa para facer a auditoría custaría moitos cartos ó Concello, e por iso se remitiu unha solicitude ó Consello de Contas para que elaborase o balance de xeito gratuito. Nembargantes, non se levou a cabo.

Te puede interesar