Menús máis saudables para os nenos de Piñor

Concello de Piñor
photo_camera Concello de Piñor
O programa de educación familiar municipal pon en marcha a iniciativa “ben comer” nunha casa neno

O Concello de Piñor pon en marcha unha iniciativa innovadora no eido da educación familiar, coa colaboración da Casa Neno “Os Cativiños” e do Centro de Saúde de Piñor. “Ben comer” pretende ser unha guía e apoio ás familias na implantación da alimentación sólida en nenos usuarios de “Os Cativiños”, fomentando o establecemento de menús diarios orientativos que faciliten a variedade e introdución de todo tipo de nutrientes e unha alimentación saudable, cumprindo coas recomendacións da médica de familia.

Este concello desenvolve o Programa de Educación Familias desde o 2006, sendo un servizo que, ademais de traballar coas familias diferentes problemáticas (menores en situación de risco ou desamparo, conflitividade familiar, dificultades educativas, drogodependencias, etc), tamén leva a cabo actividades comunitarias que permitan traballar aspectos preventivos que favorezan o desenvolvemento axeitado da familia e infancia. 

Este Programa de Educación Familiar municipal e a técnica responsable de “Os Cativiños”, poñen en marcha este novo plan de recomendacións sobre alimentación ás familias.

Te puede interesar