Moldes acolle o sábado o 38 Premio Antón Losada

Acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez no 2022.
photo_camera Acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez no 2022.
Manolo González e Moncha Fuentes reciben os galardóns deste ano

O Premio Antón Losada Diéguez chega este ano á trixésima oitava edición e entregarase esta próxima fin de semana no Pazo de Moldes, en Boborás. O xurado subliñou a gran calidade das obras de creación presentadas e decidiu outorgar o galardón, na modalidade de Investigación e Ensaio, á obra “Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil. Para unha historia do cinema en lingua galega” (Editorial Galaxia), de Manolo González. Trátase dun libro orixinal e novidoso que dá a coñecer a vida e obra dun artista excepcional ata agora descoñecido: o fotógrafo e cineasta José Gil.

Na modalidade de Creación Literaria concedeuse o premio a “O tradutor de sombras” (Edicións Xerais), de Moncha Fuentes. Trátase dunha novela que incita a experimentar e gozar cos cinco sentidos, unha imitación á reflexión que conmove e remove os sentimentos.

Segundo se establece no programa, ás 11.00 horas oficiarase unha misa na Igrexa de San Mamede de Moldes coa participación do Orfeón do Carballiño, á que seguirán dúas ofrendas florais; unha a Antón Losada Diéguez e outra a Manuel Chamoso Lamas. A partir das 12.00 horas farase entrega dos premios.

O xurado que deu a coñecer a decisión estivo composto polo concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández; Celia Pereiro, en representación da Real Academia Galega; Rebeca Blanco, do Consello da Cultura Galega; Xosé Carlos Sierra, do Museo do Pobo Galego; Luis González Tosar, da Deputación de Ourense; Rosa María Pérez do Concello de Boborás, Ernesto Xosé González, da USC; Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo e Xosé Manuel Sánchez Rei, da Universidade da Coruña.

Te puede interesar