Moldes acollea presentación da FundaciónLosada Diéguez

A conservación, promoción e difusión da obra literaria, política e social de Antón Losada Diéguez son obxectivos da fundación creada pola familia do ilustre galeguista de Moldes e os Concellos de Boborás, Carballiño, A Estrada e Pontevedra. Unha iniciativa que comezou a xestarse no ano 2006 e que agora xa está formalmente constituida baixo a presidencia do alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño Castro.
A presentación oficial da Fundación Antón Losada Diéguez terá como marco o Pazo de Moldes, ó mediodía do vindeiro venres, día 14 de maio, nun acto público no que participará a presidenta honoraria da mesma, Mercedes Losada Espinosa, filla do promotor da Xeración Nós. Tamén estarán presentes o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, e Xusto Beramendi, membro do padroado e estudoso da figura de Losada Diéguez.

O presidente da fundación, Cipriano Caamaño, sinalou que 'tamén contemplamos no padroado o fomento e realización de todo tipo de estudos, cursos, traballos de investigación, exposicións, encontros ou calquera outro tipo de actividade relacionados coa figura de Losada'. Precisamente, neste ano celébranse as vodas de prata do premio literario adicado á súa memoria, e no que resultaron gañadores Domingo Villar, pola súa novela 'A praia dos afogados', e Pablo Carpintero, con 'Instrumentos musicais na tradición galega'.

Te puede interesar