Os municipios da comarca poderán adherirse ó Plan de Igualdade

A concelleira de Igualdade e Benestar do Carballiño, Áurea Francisco, invitou ós alcaldes do resto da comarca a coñecer e levar adiante o segundo 'Plan para a Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes', elaborado polo Concello para o periodo 2010-2014. Neste sentido, a edil nacionalista, tamén alcaldesa en funcións, mantivo onte un primeiro contacto coas concelleiras de Asuntos Sociais de Piñor e Maside, e coa responsable de Igualdade en Ourense, Marta Arribas.
'Toda a nosa comarca presenta un baixón demográfico importante e un envellecemento da poboación que afecta fundamentalmente ás mulleres, e haberá que tomar medidas para tentar paliar esta situación', indicou Áurea Francisco. Ó respecto, avogou pola colaboración entre os concellos para traballar conxuntamente, 'coma estamos a facer no Centro de Información á Muller, que atende toda a comarca'.

O obxectivo do Concello carballiñés é que os diferentes técnicos municipais en materia social da comarca poidan utilizar o plan 'coma unha ferramenta básica para desenvolver a súa actividade'.

Te puede interesar