A música en galego centra o festival de polifonía que organiza a Coral do Casino

O Auditorio municipal do Carballiño acolle mañá domingo un festival de polifonía promovido pola Federación Coral Galega e a Dirección Xeral de Difusión Cultural da Xunta. O certame comezará ás sete do serán e nel participarán as corais de Poio (Pontevedra); ‘Amistad’, da Asociación de Veciños do Coutro (Narón, A Coruña) e a anfitriona, que é a Polifónica do Casino Cultural do Carballiño.
O presidente da agrupación carballiñesa, Antonio Rey Cornide, sinalou que, ‘independentemente do número de cancións que ofreza cada coral, a metade do reperterio ten que ser en galego e ó remate do festival os tres grupos interpretaremos conxuntamente dúas pezas’. Engade que ‘esta é a segunda edición que organizamos no Carballiño, dentro do programa autonómico de 60 concertos anuais, que se dividen en tres bloques de primavera, verán e outono cun orzamento de 72.000 euros’.

Antonio Rey comenta que, ‘ademais das cancións en galego, hai outro requisito, que consiste en que nos certames actúan tres corais e ó menos unha ten que ser de fóra da provincia’. Neste caso, a coral carballiñesa optou por invitar a dúas agrupacións de Pontevedra e A Coruña’. O presidente do grupo polifónico agradeceu a colaboración da Xunta ‘polo seu apoio á difusión da música das corais galegas’, e do Concello do Carballiño ‘por deixarnos o auditorio’.

Te puede interesar