PREMIO ANTÓN LOSADA

Unha obra sobre a Veracruz gaña o Premio Antón Losada

O xurado presidido pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres.
photo_camera O xurado presidido pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres.
O autor é o veciño da vila Rafael Otero e foi editada polo Centro de Estudos Carballiñeses

O xurado do Premio Antón Losada Diéguez outorgou os galardóns na XXXIX edición ao carballiñés Rafael Otero, na modalidade de Investigación e Ensaio, pola obra “A Vera Cruz de Antonio Palacios”, editada polo Centro de Estudos Carballiñeses; e, en Creación Literaria, á obra “Quen escribirá a miña historia?”, da pontevedresa Iria Morgade Valcárcel, editada pola editorial Galaxia.

Este premio convócase de maneira anual polos concellos de Boborás e O Carballiño e está dotado con 12.000 euros, 6.000 euros por cada modalidade. Este ano, a organización correspondeulle ao Concello de Boborás, xa que se fai de maneira alternativa, e por iso o xurado reuniuse na mañá de onte no salón de plenos deste municipio, destacando a gran calidade das obras presentadas en cada unha das modalidades.

Sobre “A Vera Cruz de Antonio Palacios”, o xurado considerou que é “unha creación que reflicte moitísimos anos de investigación, unha obra de síntese, divulgativa e que se centra moito nun dos mellores traballos de Antonio Palacios. Un texto moi ben escrito e pensado que valoriza a obra do arquitecto Palacios para que chegue a un público amplo”.

En canto a “Quen escribirá a miña historia?”, valorou que se trata dunha obra dunha xove creadora galega que afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia, que intercala a Guerra Civil coa época máis actual, cos campos de concentración como base da trama e do enigma a resolver”.

O xurado estivo presidido pola alcaldesa de Boborás, Patricia Torres Madureira, participando como vocais: Diego Fernández Nogueira, concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño; César Manuel Fernández Gil, representante da Deputación de Ourense; Rebeca Blanco Rotea, representante do Consello da Cultura Galega; Patricia Arias Cachero, representante do Museo do Pobo Galego; Afonso Vázquez Monxardín, representante da Real Academia Galega; Manuel Santiago Fernández Álvarez, representante da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, representante da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, interviu como secretario Jorge Moreno Martín-Caloto, secretario-interventor do Concello de Boborás.

A entrega do premio terá lugar o próximo día 15 de xuño, no transcurso dun acto que se celebrará no Pazo de Moldes (Boborás), casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós, Antón Losada Diéguez.

Nesta edición deste tradicional galardón, optaron ao premio un total de 35 obras, remitidas polas respectivas editoriais, 20 foron de Creación Literaria e 15 de Investigación e Ensaio, o que motivou un intenso debate entre os membros do xurado polo seu número e gran calidade.

Te puede interesar