Nogueira e Piay recibiron o Premio Pura e Dora Vázquez

Os alumnos de Cea ovacionaron ao seu profesor, autor de “O clube de coleccionistas de selos”

O colexio público Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea acolleu o acto de entrega do XVIII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil Pura e Dora Vázquez, que por decisión do xurado tivo como gañadores nesta edición aos ourensáns Pablo Nogueira, polo seu libro “O clube de coleccionistas de selos”, e á ilustradora Eva Piay, que coas súas láminas puxo imaxes á obra galardoada. 

Ademais dos premiados, o acto contou coa presenza do vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; a deputada provincial de Cultura e Producións Audiovisuais e presidenta do xurado, Patricia Torres; o alcalde de Cea, José Luis Valladares; e a xefa territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Judith Fernández.

Rosendo Fernández destacou que este acto se celebra “dous días despois de que a Xunta de Goberno da Deputación validara a proposta de Manuel Baltar para presentar a candidatura das irmás Pura e Dora Vázquez ás Letras Galegas de 2023”. Desde a Deputación, afirmou, “temos adquirido un firme compromiso coa promoción da nosa cultura incentivando a creación, máis importante se cabe na literatura infantil e xuvenil en galego, pois contribuímos a espertar o gusto pola lectura e defender o uso do idioma que nos dá identidade”.

Patricia Torres desexou que o alumnado goce dun libro “que ademais das diferenzas tamén fala de persoas moi importantes nas nosas vidas como os avós”. 

Pablo Nogueira, ovacionado no seu colexio de Cea por máis dun cento de alumnos presentes no acto que se desenvolveu onte, explicou que desde as páxinas do seu libro tratou de artellar unha historia “onde aspectos como a inclusión, a diversidade e a diferenza cobrasen unha grande importancia”, aspectos valorados e reflectidos por Eva Piay nas súas ilustracións, “que ademais da escrita tamén nos permiten expresarnos, falar do que somos e do que pensamos”.

Fomento da lectura entre os máis novos

O galardón, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, está dotado con 1.500 euros para cada modalidade e ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo, así como recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. Pablo Nogueira Campo (Carballiño, 1987) é mestre de Audición e Linguaxe no colexio de Cea. Licenciado en Psicopedagoxía pola USC, ten publicadas dúas novelas curtas para o público adulto: “Banda Sonora Orixinal”, obra ganadora do IV Certame Balbino de relatos, e “Música para os días de inverno”. Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999), que se presentou ao certame co pseudónimo “Auga doce”, cursa o último ano de Belas Artes en Valencia e compaxina os estudos co traballo como ilustradora.

Te puede interesar