Unha nova ruta en Maside enlaza o castro coa fervenza do Cachón

Unha das sinais instaladas indicando a ruta.
photo_camera Unha das sinais instaladas indicando a ruta.

Ten unha lonxitude de 5 quilómetros e conta con máis de 20 sinais e paneis informativos do patrimonio histórico

O Concello de Maside crea unha ruta para conectar o recentemente escavado Castro de Santa Mariña coa fervenza do Barbantiño. O proxecto está cofinanciado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Carballiño - Ribeiro, GDR12, que xa certificou esta pasada semana o final da obra.

O Camiño Natural do río Barbantiño discorre polos municipios de Punxín, Amoeiro e Maside. Sendo unha das rutas máis frecuentadas por sendeiristas que se achegan ao lugar para coñecer as súas fermosas fragas, muíños, bosques de ribeira e, especialmente, a Fervenza do Cachón. Un dos puntos de baño máis concorridos en época estival. 

A esta ampla oferta de elementos culturais e naturais vén de engadírselle agora un novo recurso de gran valor histórico como é o Castro de Santa Mariña. Un xacemento arqueolóxico situado a só 15 minutos a pé dende a fervenza e que conta cunha das mellores panorámicas de todo o val do Barbantiño.

A ruta de cinco quilómetros conta con tres puntos de inicio diferentes, dende os núcleos de A Casanova e San Fiz, ou dende a propia fervenza ao pé do Camiño Natural do Río Barbantiño. Todo o percorrido está perfectamente balizado e conta con máis de 20 sinais e paneis interpretativos para valorar os recursos culturais e naturais da zona.

Te puede interesar