O proxecto desenvolverase durante un ano con 60 alumnos e unha inversión de 950.000 euros

O novo obradoiro de emprego do Carballiño introduce un módulo de asistencia no fogar

Alumnas e alumnos do novo obradoiro de emprego, no acto de presentación.
O obradoiro de emprego ’Arenteiro III’ arrincou no Carballiño cun total de 60 persoas, das que unha porcentaxe do 90% son mulleres, para traballar durante un ano en tarefas de mantemento de espazos urbáns e rurais do municipio. Coma novidade, un dos sete módulos de aprendizaxe está adicado á axuda a maiores no fogar e outro á xardinería. O alcalde Carlos Montes animou ós alumnos a ’conquerir un bó nivel de formación, xa que hai empresas que están a precisar man de obra’.

O salón de actos da Casa do Concello do Carballiño acolleu no mediodía de onte a presentación do obradoiro de emprego ’Arenteiro III’, que financia a Consellería de Traballo cun presuposto de 950.000 euros. Ó acto acudiron as 60 persoas (das que un 90% son mulleres) que participan neste proxecto laboral e os 13 membros do equipo directivo e de profesorado, xunto co alcalde do municipio, Carlos Montes.

Estes traballadores están distribuidos nun total de sete módulos de aprendizaxe, coa novidade de que un deles está adicado a técnicas de axuda domiciliaria a persoas maiores ou con minusvalía, e outro a tarefas de xardinería. Según apuntou Carlos Montes, ’iste obradoiro nace co obxectivo de levar a cabo tarefas de mantemento durante un ano de áreas do casco urbán e do rural, con especial atención á rehabilitación dos mananciais e fontes públicas’.

O alcalde carballiñés animou ás alumnas e alumnos ’a acadar un bó nivel de formación, xa que hai unha importante demanda de man de obra nas empresas instaladas na área industrial de A Uceira e Seoane’.

Montes lembrou que ’eu fun o director da segunda escola obradoiro do Carballiño, e nos últimos 10 anos executáronse obras tan senlleiras coma o Muíño das Lousas, o Parque Etnográfico ou a Praza da Constitu ción, por iso é moi importante que todos traballemos unidos neste proxecto colectivo’.

O rexedor tamén fixo referencia ás críticas verquidas polo grupo municipal do BNG sobre o proceso de selección do persoal do obradoiro, no cal a comisión integrada por representantes de Traballo e Concello non esixiu documentos acreditativos encol dos ingresos das familias dos aspirantes. ’Os baremos de puntuación e méritos están fixados por lei e temos que acatalos’, sinalou Montes.

Te puede interesar