Trátase da Rúa Vulcano de acceso á antiga igrexa parroquial, ó barrio de Flores e á zona comercial

As obras no centro urbán destapan unha calzada de hai 100 anos que se vai recuperar

As vellas lousas quedaron ó descoberto coas obras.  (Foto: Martiño Pinal)
O descubremento dunha antiga calzada de pedra na Rúa Vulcano, que enlaza Tomás María Mosquera (a principal) co barrio de Flores e que serve de acceso á ‘igrexa vella’ botou por terra unha parte do proxecto inicial de urbanización deste entorno, no que se inclúe o acondicionamento de Cánovas del Castillo. As autoridades municipais mostraron a súa satisfacción porque a calzada data do século XIX. Por ese motivo, anunciaron que se vai recuperar e que se incluirá en algúns dos roteiros turísticos da vila.
As obras que se están executando na rúa Cánovas del Castillo, no centro urbán do Carballiño, deixaron ó descoberto a antiga calzada empedrada que cruzaba ata a ‘igrexa vella’ desta localidade. Os mandatarios carballiñeses foron os primeiros en atoparse con esta grata sorpresa, según sinalaron, e inmediatamente comenzaron a realizar as xestións pertinentes enfocadas a recuperar esa calzada, tal e como estaba a finais do século XIX. Trátase da Rúa Vulcano, que parte de Tomás María Mosquera (a rúa principal), e continúa por diante da igrexa ata o barrio de Flores, na súa entrada á Eira.

Este empedrado fora tapado con asfalto a finais da década dos anos 60 principios dos 70, e dende entón permaneceu esquecida polos carballiñeses. O actual grupo de goberno ten pensado recuperala, e incluso darlle un apartado especial dentro do seu patrimonio municipal, tendo en conta que se trata dun tramo que unía a antiga rúa do comercio, como era coñecida a principal, co barrio de Flores, e sobre todo ca que daquela era a igrexa parroquial da vila.

Os mandatarios locais apuntaron que ‘o primeiro dos traballos nesta obra de recuperación vaise dirixir a realizar catas en toda a Rúa Vulcano, ata a igrexa, para saber se o empedrado perdura en todo o seu trazado’. Posteriormente, engadiron os responsabeis municipais, que ‘procederase a levantar estas lousas de pedra, para rechear a rúa e colocalas novamente, xa ó mesmo nivel que ten a rúa principal (Tomás María Mosquera-Rosalía de Castro) e Cánovas del Castillo, unha vez que remate a súa reforma’.

Cabe sinalar que esta Rúa Vulcano foi na época da súa construzón unha das máis transitadas da vila, tendo en conta que a actividade comercial realizábase na principal, así como o culto relixioso que se desenvolvía na antiga capela de San Antonio, e tamén que era lugar de paso da poboación asentada maioritariamente naqueles intres no barrio de Flores.

Roteiros

O alcalde do Carballiño, Carlos Montes, destacou este descubrimento, e mostrou a súa satisfación polo feito de poder recuperar parte do patrimonio etnográfico da vila. Montes sinalou que ‘xuntarémonos o novo grupo de goberno para estudiar ben a recuperación desta rúa, así como o xeito de darlle unha maior importancia dentro do noso patrimonio, incluindoa en algúns dos roteiros que xa existen na zona’.

Entretanto, seguen as obras de acondicionamento de Cánovas del Castillo, na que está prevista a dotación de novos servizos e unha pavimentación a base de pedra e adoquín co fin de mellorar a súa estética.


Te puede interesar