A organización da ‘Festa do ovo fritido’ reivindica o patrimonio cultural do Mosteiro de Lobás

A segunda edición da ‘Festa do Ovo Fritido’, que se celebrará o vindeiro día 28 en Mosteiro (Carballiño), terá unha compoñente reivindicativa ‘para amosar ós asistentes a riqueza patrimonial agochada no noso pobo’.
Na primeira edición, consumirónse medio cento de ducias de ovos caseiros e uns 200 litros de viño do Ribeiro na ‘Festa do Ovo Fritido’ que se celebrou na localidade de Mosteiro, na parroquia carballiñesa de Lobás. A organización deste evento, que recae na Asociación Cultural ‘Orde dos Cabaleiros do Mosteiro’, confía en superar esas cifras o vindeiro sábado 28 de xuño e incluso supera-los 400 asistentes nesta segunda edición.

O presidente da entidade, Xosé Moleiro, sinala que ‘o obxectivo desta festa é doble, xa que hai unha compoñente de confraternidade e de gastronomía, e outra de reivindicación do patrimonio histórico-artístico do noso pobo’. Neste senso, o voceiro da asociación apunta que ‘tanto os veciños da comarca do Carballiño coma os procedentes do exterior teñen a oportunidade de admirar o conxunto do mosteiro benedictino do século XIII e a súa igrexa románica; o castro celta e o manantial minero mediciñal que verte as súas augas ó río Arenteiro’.

Carpa con mesas

Os ‘cabaleiros’ adxudicaron a preparación do xantar a un pulpeiro, que se encargará de fritir ovos, patacas e chourizos, nun menú acompañado por viño, postre e café para o que xa están postas á venda as tarxetas ó prezo módico de 10 euros. A xornada comezará ás 12,30 horas cunha misa na igrexa de San Pedro, e a continuación os comensais trasladaranse á eira do mosteiro, onde o Concello do Carballiño instalará unha carpa con mesas. Xosé Moleiro agradeceu a implicación da Deputación provincial -que aporta un grupo de gaitas e das autoridades municipais coa festa, ‘xa que unha brigada municipal levou a cabo traballos de desbroce, e tamén estamos a espera de recibir unha axuda económica’.


Te puede interesar