O Concello autofinancia a repoboación do espazo natural coa venda dos piñeiros talados

O Parque carballiñés será exclusivo de árbores do país

A transformación do Parque municipal do Carballiño nun verxel de especies autóctonas é un dos obxectivos da Concellería de Medio Ambiente, que na actualidade está a promover unha tala seleccionada daquelas árbores e prantas de orixe foráneo, como é o caso dos piñeiros. Esta actuación lévase a cabo na zona do espazo natural comprendida entre a avenida residencial e os accesos a piscifactoría da Xunta, nunha superficie aproximada de dúas hectáreas (20.000 metros cadrados).
O responsable do departamento municipal, Bernardo García, suliña que 'os piñeiros son de curto crecemento pero ademais de representar polas súas características botánicas dun alto risco de incendio, tampouco aportan unha cantidade suficiente de materia orgánica ó subsolo'. Por outra banda, o edil nacionalista apunta que 'nunha área de paseo, deporte e esparcemento dos cidadáns, o que interesa e a plantación de plantas e árbores que proporcionen sombra no verán e cobixo cando chove'.

Neste sentido, a repoboación nos sectores onde se vaian efectuando talas 'farase con especies tales como castiñeiros e carballos, que aportan frescura e contan cunhas copas baixas que dan cobertura a unha ampla superficie de terreo', indica Bernardo García. As tarefas de acondicionamento forestal son adxudicadas á empresas especializadas da comarca no mercado da madeira, 'de xeito que os traballos non repercuten nas arcas municipais do Concello', tal e como comenta o concelleiro de Medio Ambiente.

A tala de piñeiros tamén se extendeu a un dos eucaliptos que rodean a explanada de entrada ó Parque carballiñés, e que estaba situado entre a urbanización de chalés e o espazo 'biosaudable', onde os maiores fan ximnasia nos aparatos alí instalados. Esta árbore, duns 80 anos de idade, presentaba problemas de suxección nas súas raíces, 'e representaba unha seria ameaza de caída coa posibilidade de causar un accidente grave tanto a persoas ou inmobles do contorno', manifestou García.

A recuperación de especies autóctonas na paraxe iniciouse hai dous anos na zona de As Barcias, colindante coa avenida peatonal do río Arenteiro.

Te puede interesar