crónica

Paseo pola historia da vila de Carballiño

Xosé Luis Sobrado explica ós participantes detalles da antiga Casa Celia.
photo_camera Xosé Luis Sobrado explica ós participantes detalles da antiga Casa Celia. (X.A.R.)

Un roteiro organizado polo Centro de estudios Chamoso Lamas serviu para coñecer edificios, persoeiros e historias do Carballiño nos finais do século XIX e inicios do XX, con máis de medio cento de participantes

A cita era no patio do Asilo de Ancianos, como punto de partida do roteiro "De vagar", organizado polo Centro de estudios Chamoso Lamas e dentro do programa de actividades do 25º aniversario da súa fundación como colectivo de investigación da comarca. O propio presidente da entidade, Xosé Luis Sobrado, foi o encargado de guiar ó máis de medio cento de participantes no itinerario e de desvelar as historias  sobre os edificios e os persoeiros da vila de finais do século XIX e inicios do XX. Dende o mesmo asilo, construído na antiga estrada a Cea no ano 1913 gracias á donación dos Irmáns Prieto ata a casa da familia Alfeirón, neogótica de 1891, que a mediados do século pasado logo se transformaría nun forno de pan. Tamén na actual rúa Curros Enríquez, un inmoble moderno susbstitúe á antiga Casa Celia, restaurante e hospedaxe de agüistas, e primeira sede da charanga Os Liborianos, fundada polo seu propietario. Xa na rúa do Paseo, consérvase a vivienda de María Eugenia Pereira, a primeira muller española licenciada en Farmacia, e a casa de Perfectino Viéitez, que en 1896 era a máis alta do casco urbán e motivo de crítica por parte de Emilia Pardo Bazán, que residía na vila polo verán.

Un inmoble no que posteriormente viviría o avogado e escritor Aurelio Miras Azor e a súa filla María Teresa, primeira muller presidenta da Real Academia de Farmacia. E, sobrepasada a praza Maior, atópase a antiga vivenda de Tomás María Mosquera, ministro de Ultramar e Fomento a mediados do XIX, do que é pouco coñecida a súa orde de abolición da esclavitude na entonces colonia de Cuba, e que a súa irmá Amalia foi quen donou o lavadoiro da Toscaña.


A necesidade de preservar o patrimonio histórico 


Noutro edificio da mesma rúa Mosquera estaba o Pabellón Neira, que ata mediados dos anos 50 era sala de proxección de cine e salón de baile, competindo co Casino e o Sporting Club a nivel de actividades recreativas. Máis abaixo, un solar baleiro é o único vestixio da antiga Casa das Colonias, un supermercado da época que logo sería obradoiro de carpintería e ferretería coa denominación de Casa Soto. Un inmoble senlleiro da arquitectura urbana que foi derrubado hai catro anos, a pesares das moitas voces que clamaban pola súa conservación. Neste sentido, Xosé Luis Sobrado lembrou que a súa asociación propuxera ó Concello, hai 25 anos, a redacción dun inventario do patrimonio histórico e artístico, aínda pendente, "para poder preservar este tipo de edificios históricos que carecen de  calquera tipo de protección".n

Te puede interesar