O Carballiño

Pepa Loba voltou a lembrar o seu paso por Flores

Pepa Loba, con xesto ameazante, cumpriu un ano máis coa tradición. (Foto: Martiño Pinal)
photo_camera Pepa Loba, con xesto ameazante, cumpriu un ano máis coa tradición. (Foto: Martiño Pinal)
A bandoleira percorreu o barrio histórico do Carballiño na XXIV Feira Mostra de Artesanía

O barrio de Flores, núcleo orixinal da vila do Arenteiro, lembrou a súa historia coa recreación da estancia, aló polo século XIX, da mítica Pepa Loba, a bandoleira que aterrorizou coa súa banda a comarca carballiñesa, dentro do programa da 24ª edición da Feira Mostra de Artesanía. As actrices e actores do grupo teatral Dar Trela foron os encargados de protagonizar a tradicional "baixada" dende a Casa do Concello polas rúas do casco vello do Carballiño, co acompañamento dos Felos de Garabás cos seus cabalos.

Con paradas para degustar unha tapa de pulpo e beber unhas xarras de viño na Gazpara e comer uns melindres na Adega, a comitiva da Pepa Loba tamén rendeu unha homenaxe a Alfonso González, O Tupino, o veciño de Flores falecido este ano e que sempre colaborou coa organización. No itinerario, que congregou a numeroso público, a bandoleira topouse coas personaxes da avogada Concepción Arenal e da escritora Emilia Pardo Bazán, que reivindicaron máis protagonismo para as mulleres na sociedade.

Tamén houbo un espazo reservado para un pequeño "concerto sinfónico" cun cuarteto cantando "Aí vén a Pepa, todos tranquilos, axuda a pobres e rouba a ricos", e varios "atracos" ós espectadores.  O grupo folclórico Os Serandeiros e os cantares de cego animaron o ambiente nos postos de venta da feira, que hoxe será clausurada pola tarde, despois do xantar popular e dos obradoiros de oleiros para rapaces.

Te puede interesar