Piñor abre unha Semana Zen para os nenos da localidade

Concello de Piñor
photo_camera Concello de Piñor
A actividade, que inclúe numerosas actividades nas próximas vacacións, está dirixida aos nenos de 4  a 13 anos 

O Concello de Piñor pon en marcha, dentro do Programa de Educación e Apoio á Familia, unha nova actividade para os nenos, trátase da Semana Zen. Desde o mencionado programa, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo Fondo Social Europeo a través do FSE+ Galicia 2021-2027, levarase a cabo esta actividade como unha maneira orixinal, lúdica e chamativa de traballar cos nenos o autocontrol emocional e a xestión na resolución de conflitos. 

Os participantes realizarán sesións de relaxación, mindfullness e ioga, entre outras disciplinas, ademais de contacontos e actividades variadas para traballar as diferentes emocións e a resolución de conflitos, aproveitando as próximas vacacións escolares da Semana Santa.

As actividades están destinadas a nenos de 4 a 13 anos, levándose a cabo en horario de 9,00 a 14,00 horas, no Centro Social de Albarona, os días 25, 26 e 27 deste mes de marzo, e o 1 de abril. 

A inscrición deberá formalizarse no departamento municipal de Servizos Sociais ata o próximo 20 de marzo, ás 14,00 horas.

Os técnicos responsables desta iniciativa e as autoridades municipais animan “á poboación a inscribir ós seus fillos e fillas nesta actividade, que ademais de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral, permitirá que os nenos e nenas desfruten aprendendo”, segundo sinalan desde o Concello.

Te puede interesar