Piñor convoca un concurso de postais para este próximo Nadal

Postal de Naidad
photo_camera Postal de Naidad

O Concello de Piñor, con apoio de Fondos Europeos e Consellería de Política Social, promove o I Concurso de Postais Porta a Porta para levar bos desexos de Nadal, especialmente a persoas maiores en situación de illamento no rural

O Concello de Piñor pon en marcha unha iniciativa destinada a fomentar o respecto e coidado ás persoas maiores, nunha época do ano tan importante como é o Nadal. O Programa de Educación e Apoio á Familia municipal, financiado con Fondos Europeos e pola Consellería de Política Social e Xuventude, organiza esta actividade destinada a achegar os bos desexos para o Nadal a cada casa, sobre todo no caso das persoas maiores, que moitas veces no rural viven soas e illadas.

Co I Concurso de Postais Porta a Porta preténdese obter unha postal que sexa a felicitación oficial do Concello de Piñor para chegar a cada casa. Os nenos interesados en participar nesta iniciativa, deben ter entre 6 e 16 anos, e presentar o seu debuxo postal no Concello de Piñor dende o 1 ó 11 de decembro, ás 14,00 horas.

O xurado estará formado polo alcalde, concelleira de Servizos Sociais e persoal do mesmo departamento, que valorará a orixinalidade e calidade artística, de 0 a 10 puntos.O debuxo máis votado será o empregado como postal oficial e en caso de empate escollerase o debuxo do participante de menor idade. O traballo gañador será publicado no Facebook do Concello o día 13 de decembro.

Os responsables do programa afirman que “esperamos a máxima participación nunha iniciativa tan especial, interxeneracional, solidaria e educativa”.

Te puede interesar