Piñor descarta recurrir contra o plan urbanístico

Espazo Común critica a decisión do pleno de impedir recursos contra o rexeitamento de alegacións

Os grupos municipais do PP e do PSOE de Piñor aprobaron en pleno o informe que sobre as alegacións presentadas ó Plan Xeral de Ordenación Municipal, elaborou o equipo redactor do mesmo, “máis de cinco anos despois da súa exposición pública”, segundo apunta Espazo Común. Este grupo da oposición critica a ambas formacións porque “xuntan os seus votos para impedir que a veciñanza poida recorrer a resolución das alegacións do PXOM”, sinalando que por ese motivo rexeitan a súa aprobación, por non abrir un trámite que permita o recurso administrativo daquelas alegacións que foron rexeitadas.

Espazo Común preguntoulle ó alcalde se ía abrir un trámite administrativo para que se puidesen recorrer as alegacións que fosen rexeitadas, “sen necesidade de obrigar á xente a gastar os seus cartos en recursos xudiciais, e máis tendo en conta a existencia de erros no informe de alegacións que poderían ser corrixidos sen necesidade de acudir á xustiza”. A resposta negativa do alcalde non gustou a este grupo, considerando que “despois de estar máis de cinco anos agardando por ese informe, agora quérese aprobar a toda presa e de tapadillo”.

Ademais, Espazo Común afirma que no proceso hai “falta de transparencia”, e citan como proba da mesma “os máis de cinco anos de silencio e iso que hai constituída unha comisión municipal para o PXOM que se reuniu en contadas ocasións e onde non foi aportado documento algún”.

“Tanta ocultación e opacidade”, sosteñen os concelleiros de Espazo Común que “non poden ser debidas unicamente ó desleixo ou falta de interese nun documento tan importante para o desenvolvemento do concello”, criticando este grupo da oposición o que considera unha falta de información por parte do goberno municipal.

Te puede interesar